Miguel Ángel Revilla en ‘El Hormiguero’ | © Atresmedia

O expresidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, presentará o seu último libro en Marín o 30 de xaneiro

16 Xaneiro 2025

O Ateneo Santa Cecilia convida á vila marinense a un dos políticos máis coñecidos do territorio nacional para presentar o seu último libro “Por qué pasa lo que pasa” (Espasa). Será o xoves 30 de xaneiro no Instituto Illa de Tambo de Marín.

Miguel Ángel Revilla é un político español de longa traxectoria, ademais de escritor e Licenciado en Económicas e Empresariais, e polo seu carácter afable e maneira de comentar a actualidade converteuse nunha das persoas máis recoñecidas do panorama español, participando en numerosos programas de televisión.

As reflexións máis persoais dun home que coa súa sinceridade e personalidade única gañouse o agarimo dos españois.



Nove foron os libros escritos por Revilla na súa traxectoria como autor e neste último que presentará en Marín realiza reflexións persoais que se recollen na sinopse da súa obra:

“Pensei que con Toda una vida poñía fin á miña actividade como escritor, despois de máis dunha década de vivir esta experiencia. Pero na vida política deste país sucédense con frecuencia acontecementos que nos deixan perplexos e que non me resisto a comentar coa independencia que dan os anos e a miña situación actual, sen ningún tipo de atadura: Por que no noso país non se penaliza a corrupción. Por que os políticos din unha cousa e fan a contraria sen que lles pase factura. Por que a política alcanzou as máximas cotas de desprestixio. Por que os políticos seguen estando aforados. Por que estamos a chegar a unha situación na que non podemos falar de política sen enfadarnos. Por que aínda non se terminaron as guerras de Ucraína e de Gaza… E moitas cousas máis que a todos sorpréndennos”.

Está pasando!