Immaculate Fools no Pazo de Urzáiz | @ Elena Caicoya

O Festival Espazo Fest remata esta fin de semana en Nigrán coa música de Pol 3.14 e The Soul Jacket

11 Agosto 2022

  • O pop de Pol 3.14, que se fixo coñecido mundialmente polo tema ‘No time’ na serie La Casa de Papel, e a agardada actuación da banda viguesa The Soul Jacket, pecharán o festival esta fin de semana
  • As actuacións terán lugar no xardín do Pazo de Urzáiz, este venres 12 e o sábado 13, día no que tamén actuará Sara Casas
  • Espazo Fest pechará así a súa segunda edición celebrada nos históricos pazos de Nigrán, pola que pasaron artistas como Taburete, Immaculate Fools ou Soto Asa

A segunda edición de Espazo Fest, o festival singular que ten lugar nos xardíns dos pazos históricos do Concello de Nigrán, rematará esta fin de semana. As actuacións de Pol 3.14, este venres 12 e de The Soul Jacket o sábado 13, ambas no pazo de Urzáiz, pecharán o cartel de bandas do certame, polo que pasaron ó longo deste mes de agosto artistas recoñecidos como Taburete, Immaculate Fools ou Soto Asa.

Mañá venres  será a quenda de Pol 3.14, o artista que se fixo mundialmente coñecido co seu tema ‘No Time’, que soou na popular serie ‘La Casa de Papel’. As súas cancións pop, marcadas pola personalidade do artista, suman máis de 80 millóns de descargas nas diferentes plataformas dixitais, e cancións como ‘Jóvenes eternamente’, convertéronse en himnos xeracionais.

O sábado 13 chegará o agardado concerto de The Soul Jacket, banda viguesa con membros tamén de Nigrán, que presentarán o seu novo disco ‘Kick Radio’. Sempre na estela do rock americano, este traballo inclúe unha viaxe moi singular, ó estilo dun dial de radio, rematando sempre no cóctel explosivo que son os potentes directos do grupo, liderado pola espectacular voz de Toño López. Seguindo a idea de cambio de dial, esta viaxe sonora incluirá funk, soul, rockabilly, garaxe ou reggae.

A actuación de The Soul Jacket no Pazo de Urzáiz, estará precedida da actuación da cantautora viguesa Sara Casas, unha interesantísima artista emerxente. Formada como artista en Lisboa ou Londres, Casas posúe unha fermosa voz, que se reflexa en referentes como Chavela Vargas, Violeta Parra ou Silvia Pérez Cruz.

Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía e o patrimonio. Unha solisofía que casa moi ben con Cervezas Alhambra, quen por segundo ano consecutivo volven prestar o seu apoio a este evento que ten lugar en espazos máxicos e singulares como son os Pazos de Nigrán, onde a cervexeira convida a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais.

As entradas están á venda a través de espazofest.com e teuticket.com.

Está pasando!