‘Descubre San Simón 2023’ | © Lino Escurís

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia completa a súa programación paralela coa ampliación das actividades ‘Descubre San Simón’

11 Xullo 2024

  • O paseo ‘Illario pantasma’, os microconcertos de clásica en distintos puntos de Santo Antón con música interpretada pola Orquesta Clásica de Vigo ou as conversas con membros de Amarturmar inclúense nesta liña de programación, aberta a todas as idades e públicos
  • O roteiro ‘Descubre San Simón’ incorpora este ano unha parada dedicada á memoria do compositor ponteareán Reveriano Soutullo, coautor de ‘La leyenda del beso’, e do seu cuñado Diego San José de la Torre, escritor e xornalista que estivo preso en San Simón

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia completa a programación de actividades paralelas da súa nova edición, que terá lugar do 26 ao 28 de xullo. Alén das iniciativas incluídas na Escola Sinsal, vinculadas á historia do rexistro sonoro, o evento ofrecerá ao público a posibilidade de participar en propostas dirixidas a descubrir o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago que conforman as illas de San Simón e Santo Antón. Así, baixo o nome Descubre San Simón, o festival ofrecerá a posibilidade de asistir, de xeito gratuíto, a diferentes roteiros, tanto de xeito individual coma colectivo, ou descubrir, a través de microconcertos acústicos, as composicións dun autor moi vinculado ao territorio: Reveriano Soutullo.


‘Descubre San Simón 2023’ | © Lino Escurís

Precisamente o celebrado compositor ponteareán, coautor da zarzuela La leyenda del beso -que este ano celebra o centenario da súa estrea no Teatro Apolo de Madrid- é un dos protagonistas da nova parada que este ano presenta o Roteiro Descubre San Simón, o itinerario independente ideado polo festival para que as e os asistentes coñezan a memoria da illa mediante distintos paneis que se atopan espallados pola mesma e que, a través dun código QR, ofrecen información en galego, español e inglés. O roteiro contaba até o de agora con seis estacións -A roca de San Simón, Proxecto Trobadores, A avenida de Teruel, A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade, O aeroporto marítimo de San Simón, A conexión de San SImón e o Pórtico da Gloria- e este ano engade unha nova para poñer en valor a dous artistas, amigos e membros dunha mesma familia que mantiveron unha relacion coa illa ben diferente: do éxito e celebración de Soutullo á crueldade e represión vivida polo escritor e xornalista madrileño Diego San José de la Torre como preso en San Simón.

A música de Reveriano Soutullo será precisamente a que interprete a Orquesta Clásica de Vigo, que neste 2024 celebra os seus 40 primeiros anos de actividade, nos microconcertos acústicos de Santo Antón. A formación, que está a realizar unha programación especial e sesións monográficas para poñer en valor o legado do compositor, aterrará na illa de San Simón para estrear arranxos inéditos de La leyenda del beso, obra fundamental no repertorio zarzuelístico do século XX. Estas actuacións, que chegarán da man dun quinteto de metais e dun cuarteto de corda, terán lugar ao longo da fin de semana, en distintos momentos e localizacións, na illa de Santo Antón.


Orquesta Clásica de Vigo no Sinsal 2023 | © Olalla Lojo

Ademais destas dúas propostas, o Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá este ano o sábado 27 de xullo un novo paseo co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen nesta ocasión presentará Illario pantasma, un roteiro que contará con tres estacións: Espectros botánicos, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; Pantasmas literarios, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e Pa(i)saxes esquecidxs, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar. Por último, Sinsal contará de novo coa colabocraión da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar para coñecer, máis polo miúdo e através dunha andaina, os recursos naturais e industriais da contorna.

A programación de actividades paralelas de Sinsal SON Estrella Galicia 2024 complétase coas incluídas na iniciativa A Escola Sinsal (unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de música gravada en Galicia, na que participan 8 artistas do mundo do cómic; as Sesións Malmequeres, que recuperan arquivos sonoros domésticos; e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro de cera) e #sinsalsenrastro, que acollerá o obradoiro para público familiar Binomios fantásticos, unha proposta na que as e os participantes explorarán as diferentes posibilidades creativas, lúdicas e estéticas que ofrecen os materiais que reutilizarán durante a sesión, como obxectivos domésticos, retallos téxtiles ou mostrarios de madeira.

Últimas entradas para o Escenario Océano

Por outra banda, o público aínda pode adquirir as súas entradas para participar na xornada do Escenario Océano, que terá lugar o 25 de xullo no Porto de Vigo. As e os asistentes poderán visitar e coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve na terminal de Kaleido no porto vigués, á vez que poden gozar do directo do dúo Ombligo. As últimas entradas para esta actividade, que conta con desconto dun 15% para as persoas usuarias do Carné Xove da Xunta de Galicia, pódense adquirir a través da páxina web de Sinsal.

Está pasando!