O Mercado de Nadal do Rosal abre as súas portas esta fin de semana con 15 postos nos que o público poderá atopar unha ampla gama de produtos artesáns e de alimentación

2 Decembro 2022

Este 3 e 4 de decembro o tradicional mercadiño de Nadal do Rosal chega á sala de exposicións do Concello con 15 postos nos que a variedade e orixinalidade dos produtos serán a clave. “É un orgullo ver o éxito que cada ano ten o noso mercado, non só de público, que agardamos que sexa moito durante toda a fin de semana, senón tamén por parte dos e das artesás, que encheron as prazas dispoñibles case en tempo récord”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este tradicional Mercado de Nadal convértese cada ano “nun espazo de oportunidades para todas as persoas dedicadas á artesanía, un lugar que permite visibilizar o traballo e talento creativo e innovador dos nosos rosaleiros e rosaleiras”.

Así, este ano o público poderá mercar os produtos máis variados nos distintos postos: bixutería de resina e arxila; árbores de nadal en madeira e téxtil ou complementos de calceta; bolsos, sacos de sementes e adornos de nadal; obxectos decorados a man como caixas de madeira, velas, xabóns ou pratos de cristal; froitos secos, doces e legumes; chaveiros, pendentes, diademas, monicreques…; láminas e ilustracións, bolsas, postais ou marcapáxinas; produtos de comercio xusto, veganos, sen glute, cervexas ou lácteos; láminas, postais, cadros e impresións dixitais; abelorios personalizados, pulseiras, colgantes e outros complementos; merchandising da Asociación Trans Miño, xunto con tazas e bandeiras; bixutería de resina e flores naturais; mini alfombras, espellos e bixutería inox e 3D; elementos de madeira e resina; ou figuras feitas a man, adornos e bonecas, entre outras moitas cousas.

O mercado estará aberto os dous días de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.


Está pasando!