O Multiusos da Xunqueira acolle esta tarde a proxección ‘Beiras, vivir 2 veces’ dentro do Ciclo de Cinema Galego

14 Abril 2023

O Servizo do Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta a proxección de ‘Beiras, vivir 2 veces’. Será esta tarde, ás 19:30 horas no Multiusos da Xunqueira, con entrada de balde.

Este documental forma parte do programa de proxeccións do Ciclo de Cinema Galego, unha iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual e apoiada polas catro deputacións galegas e á que está adherida o Concello de Redondela.

Á proxección asistirá o propio Xosé Manuel Beiras para ofrecer un coloquio e poder charlar sobre o documental cos veciños e veciñas de Redondela.

‘Beiras, vivir 2 veces’

É un documental dirixido por Pepe Coira, Gaspar Broullón e Jorge Coira onde repasan a traxectoria de Xosé Manuel Beiras seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas.

O repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do protagonista: a conversa. No documental, Beiras atópase con algunhas das persoas coas que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa.


Está pasando!