O SonRías Baixas, gañador da categoría ‘Best Touristic Promotion’ nos Iberian Festival Awards

18 Marzo 2024

O pasado venres 15 de marzo celebráronse en Granada os Iberian Festival Awards, galardóns que premian e recoñecen o labor dos profesionais do sector de festivais de música ao longo do ano 2023 en Portugal e España.

Os premios, situados dentro do Talkfest – Music Fest Summit, divídense en 24 categorías, sendo o SonRías Baixas o evento galardoado na correspondente a Best Touristic Promotion. O SonRías Baixas, que celebrou o ano pasado a súa vixésima edición, centra todos os anos gran parte da súa comunicación na promoción turística da zona na que se celebra, dándolle gran importancia ao seu enclave privilexiado na vila de Bueu (Pontevedra), corazón das Rías Baixas. A experiencia festivaleira que proporciona a súa localización idílica é un dos seus atractivos turísticos principais, xuntando a música coa natureza, a gastronomía local e a praia da zona.



Ademais de integrar a rexión turística no propio nome do festival, SonRías Baixas é o único festival que conta cun Parque Nacional no Concello no que se celebra, e promove de forma activa suxestións de miradoiros, praias, gastronomía e carreiros, incluíndo constantes referencias turísticas na súa comunicación pre, durante e post celebración do evento a través da súa web, redes sociais e aftermovie.

Este premio é xa o terceiro IFA que recibe SonRías Baixas, tras ser galardoado en 2020 co Excelence Award para Jordi Lauren, director do festival, e co correspondente a Best Communication & Marketing Strategy na edición de 2022.



A 21ª edición de SonRías Baixas 2024 terá lugar en Bueu os próximos 1, 2 e 3 de agosto, estando os seus abonos xa dispoñibles desde a web do festival e a través de Enterticket.es.

Esta edición estará encabezada por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, nunha aposta da organización, a promotora PlayPlan, para tratar de cambiar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel.

Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezada pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego, como son Tanxugueiras.

A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais.


Está pasando!