Presentación de Orgullo Pontevedra 2024 | © Concello de Pontevedra

Orgullo Pontevedra 2024, unha semana chea de actividades para reivindicar os dereitos LGBTIQA+

4 Xuño 2024

Comezarán o día 19 de xuño coa colocación da faixa multicolor no balcón da Casa Consistorial, e continuarán dende o 23 ao 29 de xuño con unha grande oferta de propostas formativas, culturais e de lecer


Pontevedra vivirá do 23 ao 29 de xuño unha nova semana de reivindicación dos dereitos sociais, dos dereitos LGBTIQA+, cunha ampla programación do Orgullo. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías acompañada do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e do voceiro de Avante, Diego Feijoo, presentaron a programación do Orgullo Pontevedra 2024 no local Rumore, da rúa Virxe do Camiño.

O voceiro de Avante Pontevedra, Diego Feijoo, explicou ao respecto da programación deste ano que «seguimos apostando por unha combinación de cultura, formación, festa e reivindicación. O Orgullo Pontevedra 2024 serán sete días de intensa actividade que comenzaremos o 23 de xuño cun vermú de programa Pinto de Maragota, no Campiño para celebrar un San Xoán diverso cunha DJ e petiscos».

A programación continuará o luns 24 e o martes 25 coa actividade ‘Contos de Cores’ na libraría Seijas. O mércores 26 e xoves 27 a Casa das Campas acollerá os encontros do Orgullo Pontevedra para falar de realidade non-binaria con Né Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de referentes con Guillermina Domínguez. Outra temática será: familias diversas.

O venres 28, Día do Orgullo LGBTIQA+, Avante LGBT farálle unha homenaxe a María del Carmen del Valle, mestra lesbiana de Cerponzóns que deixou pegada na comarca.

Rematarase cunha gran festa do Orgullo o sábado 29 de xuño, que este ano se muda ao Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e até a madrugada. Iníciase cunha sesión vermú coa actuación de Ana Talibana. Tamén haberá unha sesión DJ durante a tarde con Duendeneta e para rematar, na noite, habrá un concerto de Londreira e e pechará a festa a DJ, Señora DJ.

As oito da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra con lema «Avanzar en Dereitos».

Ademais, dende o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de Ambienta, Mostra de Cinema LGBTIQA+, de Pontevedra, que en breve presentará a edición deste ano.



A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías explicou que dende o Goberno acordouse «unificar» as áreas que estaban levando as actividades de Igualdade «e facer unha única programación para celebrar que esta cidade é diversa e moi orgullosa». Agradeceu a colaboración de Avante xa que «non tería sido posible organizar unha programación tan completa sin eles, sin elas».

Indicou que «para nós os actos de orgullo non son unha efemérides nun calendario, é unha declaración de intencións do que é Pontevedra. Pontevedra é hoxe unha cidade moderna, acolledora e plural, unha referencia en moitas cousas, e tamén unha referencia na loita polos dereitos sociais das persoas». Anabel Gulías anunciou que «este ano quixemos cargar políticamente, significar políticamente, estes actos. Son unha festa para celebrar entre todes, pero tamén unha declaración de intencións na defensa e no avance dos dereitos sociais das persoas».

A concelleira de Igualdade explicou que dende a área de dinamización sociocultural faise unha proposta «formativa e informativa durante todo o ano». Fixo repaso de programas como Pinto e Maragota «o primeiro programa de diversidade sexual que se leva a cabo neste Concello» ou as actividades nos centros de ensino.

Tamén referiuse á faixa reivindicativa que se instala cada ano no balcón da Casa Consistorial. Fixo un convite á toda pontevedra para que acompañen este acto que será o vindeiro 19 de xuño ás 20.00 horas «para que todo o mundo se achegue e celebre, e tamén reivindique».

Está pasando!