Pontevedra homenaxea a Xela Arias cun certame musical

12 Abril 2021

Co gallo das Letras Galegas, para homenaxear a Xela Arias e co fin de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no concello, o Concello de Pontevedra convoca un certame musical aberto á participación dos grupos que cumpran as seguintes bases:

As bandas participantes deben musicar, con composicións orixinais, un poema de Xela Arias, figura homenaxeada das Letras Galegas 2021.

Poderán participar todas aquelas bandas de calquera xénero ou estilo musical de Pontevedra ou que acrediten ter un compoñente de Pontevedra.

A linguaxe de comunicación, creación e interpretación ha de ser unicamente o galego.

Para inscribirse, os grupos participantes deberán remitir o tema composto en formato audio, MP3, MP4… xunto cos datos da banda, nome e compoñentes, os datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento que certifique a residencia, de polo menos un dos compoñentes, en Pontevedra ao correo alingualatexa@gmail.com.

O prazo de presentación remata o día 7 de maio de 2021.

Un xurado composto por profesionais do sector cultural seleccionará os grupos finalistas.

Os 3 finalistas comprométense a interpretar a súa composición o 17 de maio, nun acto público organizado polo Concello de Pontevedra. O Concello porá o rider técnico e a produción necesaria para a realización do concerto. Nese acto tamén terá lugar a entrega de premios.

Os premios serán:

  • 1° premio: 1.000€
  • 2° premio: 500€
  • 3° premio: 250€

A interpretación das bases corresponde ao xurado. O seu veredicto será inapelable.

Está pasando!