Pontevedra Provincia consolídase como referente estatal como primeira sede das accións formativas da Spain Film Commission

15 Setembro 2022

A Pontevedra Film Commission, posta en marcha pola Deputación para promover a provincia como destino de proxectos audiovisuais,  foi escollida pola rede nacional para o arranque das accións, impartidas hoxe e mañá por persoas expertas do sector


Pontevedra Provincia Film Commission, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rodaxes e o sector audiovisual no territorio como eixo económico e aposta turística, vén de consolidarse como referente no conxunto do Estado ao ser escollida pola Spain Film Commision como sede do primeiro ciclo de actividades formativas desta rede aos e as súas responsables a nivel estatal.

O Edificio Administrativo da Deputación é o primeiro dos escenarios nacionais que desde a tarde do pasado martes, coa inauguración a cargo da deputada Ana Laura Iglesias e da directora da Andalucía Film Commission, Piluca Querol, acolleu estes cursos impartidos por recoñecidas e recoñecidos expertos do ámbito audiovisual. Despois de Pontevedra, o ciclo continuará en Avila, Sevilla, Toledo, San Sebastián e Alacante.

A deputada de Turismo puxo en valor que “fomos a primeira Film Commission provincial creada en Galicia o que mostra o noso carácter innovador e sentamos precedente. Despois chegou a de Vigo, agora a de Ourense e incluso a propia Xunta volve a anunciar que vai dar o paso o que nos alegra aínda que esperamos que se materialice canto antes”.


Curso da Spain Film Commission | © Deputación de Pontevedra

Estas actividades da Spain Film Commission buscan favorecer a formación entre os representantes das súas distintas entidades a nivel nacional, que serán os e as responsables de divulgar e promover o turismo cinematográfico a nivel nacional. En concreto, no curso no Edificio Administrativo participaron representantes das comisións de Pontevedra Provincia; Vigo; Santiago e Asturias. As xornadas foron impartidas por Eduardo Viéitez, CEO de Creast Film, que achegou o “Patrimonio, Turismo e Green Shooting”; Emma Lustres, fundadora de Vaca Films, que interviu telematicamente para falar sobre “O papel dunha produtora”, Elena Martínez, directora de Andersen Tax & Legal Spain, que amosou a “Lexislación máis incentivos fiscais no cine” e Piluca Querol, directora da Andalucía Film Commission, abordará “A experiencia dun Film Commisser”.

A Pontevedra Provincia Film Commission foi impulsada desde a Deputación de Pontevedra o pasado 2021, sendo a primeira de carácter provincial creada en Galicia. É un servizo público e gratuíto da Deputación xestionado por Turismo Rías Baixas co obxectivo de promover a provincia como destino de rodaxes e proxectos audiovisuais, así como incrementar o posicionamento da súa imaxe de marca a nivel nacional e internacional e o seu crecemento económico.

Está pasando!