Redondela pecha o Ciclo de Cine en Galego co documental ‘Os días afogados’

20 Xuño 2024

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela pecha esta fin de semana o ciclo de cine en galego, no que se proxectaron ao longo dos meses de maio e xuño as longametraxes ‘O corno’, ‘Sica’ e ‘As bestas’.

A última das propostas poderá verse este sábado, 22 de xuño, ás 20.30 horas no Auditorio da Xunqueira.

Trátase do documental ‘Os días afogados’, de César Souto Vilanova e Luís Avilés. O traballo recolle a construción do encoro de Lindoso (Portugal), que en 1992 alagou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque. Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar.

As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares.

As entradas están xa á venda no Multiusos da Xunqueira a un prezo de 2 euros.


Está pasando!