‘El secreto del doctor Ginberg’ | © Docs del Mes

Retorna a cita mensual co cinema documental, con novas proxeccións o terceiro luns de cada mes na Casa das Campás

11 Outubro 2022

Desde 2018 e da man da Vicerreitoría do campus, Pontevedra é unha das 70 localidades de España inseridas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que, co inicio do novo curso, retoma a súa programación o vindeiro luns 19 de outubro na Casa das Campás con ‘El secreto del doctor Grinberg’.

Dirixido polo director e guionista Ida Cuéllar, trátase dun documental que acumula unha decena de premios e seleccións para festivais internacionais desde a súa estrea en 2020 e que é o resultado dos sete anos que Cuéllar dedicou a investigar a desaparición, en 1994, do doutor mexicano Jacobo Grinberg, “especialista no estudo da telepatía”, segundo sinala a promotora de Docs del Mes.

Con entrada libre ata completar aforo e programada para as 20.00 horas, esta proxección verase continuada pola exhibición de novos documentais os terceiros luns de cada mes na Casa das Campás. 

Así, o 24 de outubro proxectarase na Vicerreitoría o documental británico ‘Rebellion’, no que as directoras Maia Kenworthy e Elena Sánchez Bellot afondan nas orixes de Extinction Rebellion, “un grupo de acción directa contra o cambio climático”, como destacan desde a empresa promotora deste ciclo de cinema. “

O movemento ecoloxista viu como no 2018 emerxía un novo colectivo que apostaba pola acción directa e a desobediencia civil”, salientan deste movemento, cuxas orixes e evolución amósanse por primeira vez nun documental seleccionado para unha decena de festivais e que neste 2022 protagonizou a proxección inaugural do festival de cine Human Rights Watch de Nova York.


‘Querida Sara’ proxectarase en novembro. Imaxe: fotograma do documental

Uns mes máis tarde, o 21 de novembro, poderá verse en Pontevedra ‘Querida Sara’, o primeiro documental da barcelonesa Patricia Franquesa, que se presenta como “un emotivo retrato de Sara, a primeira taxista de Afganistán, unha muller poderosa que rompe as barreiras patriarcais”, á vez que como “un testemuño dunha realidade que xa non existe”.

Finalmente, Docs del Mes pechará a súa programación de 2022 o 19 de decembro con ‘Karaoke Paradise’, un documental do cineasta finés Einari Paakkanen, presentado como “un percorrido por unha Finlandia escondida”, que afonda na “paixón” existente neste país polos karaokes.

Está pasando!