Presentación do VI Rallye de Pontevedra | © Concello de Sanxenxo

Sanxenxo volve converterse en centro neurálxico do motor co VI Rallye de Pontevedra

16 Maio 2024

O Concello asinou coa escuadra organizadora da cita, Corredoira Team Sanxenxo, un convenio de colaboración de 15.000 euros


O Real Club Náutico de Sanxenxo acolleu onte a presentación do VI Rallye de Pontevedra que terá lugar o 31 de maio, o 1 e 2 de xuño. Unha proba con 120 participantes que discorrerá por Meaño, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña, Barro e Sanxenxo, onde terá a súa base de operacións.

Ao acto asistiron representantes dos distintos municipios, así como o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e o deputado Javier Tourí, así como o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez, e patrocinadores da cita. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, destacou que se trata dunha proba deportiva que se consolida “ano tras ano e que na pasada edición atraeu a máis de 22.000 persoas á cita”. O Concello de Sanxenxo asina por cuarto ano consecutivo un convenio de colaboración coa organización, a escuadra Corredoira Team Sanxenxo, por valor de 15.000 euros.



A cita arrincará na mañá do venres 31 coas verificacións técnicas na Rúa Rafael Picó, onde pola tarde, a partir das 19:30 horas, terá lugar a cerimonia de saída. A continuación, a partir das 20:00 horas disputarase o tramo espectáculo de Nantes, novo por trazado, pero mantendo a súa esencia, para terminar o día no parque de traballo que estará situado toda a fin de semana nas inmediacións do campo de fútbol de Portonovo.

O sábado os participantes sairán desde Baltar, cara aos tramos de Cerdedo Cotobade e Campo Lameiro, e tras realizar os controis de paso e reagrupamientos en Exnor volverán a Baltar.

Para a tarde o rallye cambia, pasando a disputarse os tramos de Meaño e Moraña, o control de paso de Barro, volvendo a Exnor e terminando o día no parque pechado de Rafael Picó onde todos os equipos que terminen o rallye comezarán a chegar a partir das 21.30 horas. Ao redor das 23:45 levará a cabo a entrega de premios, na que se repartirán 7.900 euros e máis de 60 trofeos.

Está pasando!