Tanxugueiras na Gala dos Premios MIN | © Panorámica Agency

Tanxugueiras galardoadas con dous Premios MIN: “Mejor álbum de música de raíz” e “Mejor álbum en gallego”

18 Maio 2023

A gala do XV Aniversario dos Premios MIN tivo lugar onte á noite en Palma de Mallorca, reunindo e premiando aos artistas máis destacados da escena independente do noso país no último ano. Tanxugueiras, nominadas en sete categorías, conseguiron gañar dúas delas: “Mejor álbum de música de raíz” e “Mejor álbum en gallego” por “Diluvio”, o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records.

Na gala, presentada por Samantha Hudson, tamén foron premiados Los Estanques e Anni B Sweet (gañadores en cinco categorías) ou Biznaga (en dúas). O resto dos gañadores da noite pódense consultar AQUÍ.


Tanxugueiras na Gala dos Premios MIN | © Panorámica Agency

Este dobre recoñecemento para o trío galego chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio “Artista Revelación Alternativa 2023” dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema “Aire”, producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras.

Da man de PlayPlan, Tanxugueiras continuará durante todo o verán percorrendo o estado coa súa “Xira Midas”, que en breve fará as seguintes paradas:

26/05 • Fiestas de mayo • Santa Cruz de Tenerife
04/06 • Guitiriz • Lugo
17/06 • Festival Plenilunio Folk • Molino, Camargo (Cantabria)
23/06 • Sestao • Bizkaia
24/06 • A Estrada • Pontevedra
01/07 • Asalto ao Castelo • Vimianzo (A Coruña)
08/07 • Nits al Castell • Xàtiva (Valencia)
21_22/07 • Festival Leturalma • Letur (Albacete)
15/08 • Monforte de Lemos • Lugo
01/09 • Valladolid • Valladolid


 

MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fundíndoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os mellores exemplos do seu estilo innovador, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron para manter viva a música tradicional galega, para revisala e relanzala ao mundo nunha explosión de modernidade, cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como “Midas”, “Figa”, “Averno” (colaboración con Rayden), “Pano corado” ou “Terra”, canción coa que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Todos estes sinxelos forman parte do seu último disco, “Diluvio”, publicado en xullo de 2022 e que continúan presentando este 2023 nun espectáculo moi potente, Xira Midas, con máis de 100 datas confirmadas en todo o Estado, da man da súa oficina PlayPlan e estreando música nova editada por Calaverita Records.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundo nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Tanxugueiras gañaron este pasado mes de abril o premio ao Artista Revelación Alternativo 2023 que conceden os Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (Entidade de Dereitos de Propiedade Intelectual que reúne ós produtores fonográficos do país), estes premios recoñecen os traballos discográficos de artistas españois máis exitosos en 2022 en canto a vendas. Un galardón máis que só reflicte o excelente momento de forma que atravesa a banda. En maio, recollendo dous Premios MIN que avalan a “Diluvio” como “Mejor álbum en gallego” e “Mejor álbum de música de raíz” do pasado 2022.


Está pasando!