Presentación de ‘Voda Manía’ | © Concello de Pontevedra

‘Voda Manía’ encherá de ideas e propostas para vodas e eventos o Teatro Principal de Pontevedra ao longo desta fin de semana

29 Setembro 2023

O andar superior do Principal acollerá un showroom entre o 30 de setembro e o 1 de outubro, un escaparate para a empresa local e de proximidade relacionada co sector


A edil de Promoción económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou esta mañá o evento Voda Manía, acompañada de Ana Santervás, presidenta de Aprogabe, e Mar Calvar, responsábel da empresa La Boda de Nerea. Trátase dun showroom de vodas e eventos, que se desenvolverá no Teatro Principal esta fin de semana, os días 30 de setembro e 1 de outubro.

«As vodas seguen na súa tempada alta, sendo un dos días máis sinalados entre as parellas e os seus familiares», sinalou Gulías. «É, e non se lle escapa ninguén, un sector económico de seu, que se apuntala na nosa cidade e na nosa comarca. Decidimos, por iso, facer un evento relacionado co mundo das vodas con dúas partes claramente diferenciadas: Dunha banda crear un escaparate para a empresa de proximidade, baixo o nome Voda Manía; e, doutra banda, un congreso no que se porán sobre a mesa eses detalles e esas necesidades loxísticas que acontecen nas vodas».


Presentación de ‘Voda Manía’ | © Concello de Pontevedra

Así, no andar superior do Teatro Principal de Pontevedra e con entrada de balde, instalarase un espazo cheo de elegancia e romanticismo, onde un grupo reducido de grandes provedores do sector reúnense para compartir contigo os seus coñecementos e ofrecerche as últimas tendencias en moda, decoración, organización, música, xoiería, detalles para os teus invitados, fotografía, tortas nupciais, estilismo e moito máis.

A listaxe dos provedores que participarán no evento é a seguinte:

  • Son D´Iria
  • Las Cosas de Noe Shop Moda
  • Pamolita Eventos
  • MeryPuch Tocados y Complementos
  • María Meirás Maestra de Ceremonias
  • Salitre & Papel
  • Son Events
  • Muy Mía
  • La Ventana de Gras
  • Essentia HM
  • La Fiesta de Isabella
  • Peluquería Nieves Blanco & Conde
  • Ailee Boho Moda
  • Los Dulces de Albita
  • Viaja con Josiño
  • El Armario de Alia
  • Ars Semper
  • Acua Belleza Estética
  • Patri Poppins
  • Her Closet Shop
  • Anuket
  • Kousiñas
  • Rbou Studio
  • Zaira Oliveira

Entre estas empresas hai perruquerías, estudios de fotografía, xoierías, especialistas en eventos, etcétera.

Todas as persoas que se acheguen até o showroom recibirán unha entrada dobre para a Expo de Vodas de xaneiro, De Boda Con Nerea, coa que se entrará no sorteo dun conxunto de agasallos entre os que cabe destacar un cheque de 1.000 euros para investir nunha voda ou evento especial das empresas participantes.


Está pasando!