Dobre cita internacional esta fin de semana no Auditorio Mar de Vigo coas actuacións de !!! (Chk Chk Chk) e Jethro Tull

25 Maio 2023

  • A cuarta edición do Festival TerraCeo continúa este venres co directo dos americanos !!! (Chk Chk Chk), reis do dance punk quenes presentarán o seu noveno traballo, ‘Let it Be Blue’
  • O sábado será a quenda dos británicos Jethro Tull. Estes veteranos do rock progresivo chegan a Vigo cunha nova xira e un novo directo co que están a piques de esgotar entradas 
  • O programa completo con todas as datas dos concertos e prezos poden consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo ou en www.teuticket.com

Esta fin de semana temos dobre cita internacional no Auditorio Mar de Vigo. A primeira cita será este venres na terraza cos americanos !!! (Chk Chk Chk) dentro do Festival TerraCeo, e o sábado, será o turno dos británicos Jethro Tull no auditorio interior. Un concerto para o que ademais restan poucas localidades.

A fin de semana no Mar de Vigo comezará coa actuación de !!! (Chk Chk Chk) no Festival TerraCeo, reis do dance punk, quenes co seu noveno traballo na rúa non deixan de reinventarse, sempre soando frescos, continuando coa filosofía máis pura do punk de non conformarse; por iso “Let it be Blue” busca a transformación constante. Un disco que xoga ao descoido, pero tamén fala da melancolía, da tristeza, e do baile como unha forma de soltar todo ese lastre que ás veces levamos encima. Con 20 anos de carreira pasaron por paladear todos os estilos e coqueteando máis e máis coa electrónica, e aínda así, en palabras de Mondosonoro  “Seguen tendo mojo”. Unha cousa está clara: !!! (Chk Chk Chk) é unha banda que sobre todo brilla no directo, e cuxos concertos son nunha oportunidade para esquecer por un intre todo aquilo que nos afecta para deixarse levar polo ritmo e converternos nunha máquina de bailar.


O sábado o escenario do auditorio interior será para Jethro Tull. Estes veteranos do rock progresivo chegan a Vigo cunha nova xira e un novo directo co que están a piques de esgotar entradas. A banda británica son xa parte da historia da música, pioneiros desde que empezaron a tocar a finais dos anos 60. Este sábado presentarán no Auditorio Mar de Vigo un novo traballo, “Rökflöte”, nin máis nin menos que o seu álbum de estudo número 23. Un disco conceptual onde a frauta que dá nome ao disco convértese no catalizador dunha historia sobre deuses e roles do antigo paganismo nórdico.

Todo un reencontro coas raíces progresivas da banda lembrando a discos como “Aqualung” ou “Thick as a brick”. Está claro que o líder Ian Anderson desexa recuperar o tempo perdido rendendo tributo á frauta que xa é aceno de identidade do grupo. Nótase o seu labor como produtor sabendo atopar ese equilibrio perfecto entre os elementos do folk e os do rock, creando o balance adecuado que fai que os fans da banda se sintan encantados e que a crítica está a recibir cos brazos abertos este novo disco. Non hai dúbida ademais da capacidade da banda para defendelo en directo, a experiencia dos compoñentes é un grao e queda claro por outros momentos da xira que aquí os británicos saben envellecer ben sen perder enerxía.

Coas entradas a piques de esgotarse para ambos concertos, o Mar de Vigo segue o seu camiño para consolidarse como un referente das xiras internacionais. O programa completo con todas as datas dos concertos e prezos poden consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo ou en www.teuticket.com

Está pasando!