A 24º edición dos Domingos do Principal achega 7 espectáculos de teatro, danza, títeres e música para gozar en familia entre o 15 de outubro e o 26 de novembro
26 Setembro 2023
- Como vén sendo habitual cada espectáculo contará con pase matinal ás 12 e de tarde ás 18.30 horas
- Os abonos para todo o ciclo (21 euros) e as entradas individuais (4 euros) xa están á venda anticipadamente en Ataquilla.com e, de non esgotarse, unha hora antes de cada sesión na billeteira do Teatro
- Baobab Teatro (Galiza), Periferia Teatro (Murcia), La Baldufa (Catalunya), Determina da Cía (Galiza), Os Naúfragos (Galiza), Marcel Gross (Catalunya) e Titiriteros de Binéfar (Aragón) son as compañías seleccionadas por Teatro Akatro para esta edición
- Un ano máis, este ciclo contará con versión escolar para alumnado de primaria e achegará 3 representacións os Luns do Principal co aforo xa cuberto
O concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou esta mañá unha nova edición dos Domingos do Principal acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, entidade encargada da selección da programación.
Vimos presentar unha nova edición dos Domingos do Principal que volven con teatro pra todas as idades, de 0 a 99 pero con obras pensadas sobre todo para que os máis cativiños e cativiñas da casa vaian ao teatro, pasen unha boa función, que gocen, que aprendan, que se emocionen co teatro, que é para o que o teatro serve. Os gregos dicían que para esa catarse de meterse dentro das obras.
Do 15 de outubro e ata o 26 de novembro contaremos con 7 representacións que traen a Pontevedra o mellor de todo o que hai neste momento no estado, pensado para nenos e nenas. A selección podería ser outra pero dende logo esta está ao nivel do mellor festival que se poida organizar. Pases ás 12:00 e 18:30 horas e algunhas con pases os luns destinadas a centros escolares.
O prezo é moi asequible de 4 euros por entrada e 19 euros por abono pero o que me gustaría descatagar é o agradecemento a Teatro Akatro polo esforzo que fai para connosco crear este programa, visionando, seleccionando as obras e permanecendo atentos todo o ano ao que está en circulación e que Pontevedra poida disfrutar destas obras. Ser concelleiro de Cultura nesta cidade é un privilexio porque se pode traballar con entidades como esta.”
Pola súa banda, Xacobe Rodríguez, logo de agradecer ao Concello “a confianza que nos da ano tras ano, permítenos facer unha proposta de programación sen ningún tipo de interferencias e basándonos nos criterios que consideramos que son os ideais para poder facer unha mostrad este tipo. Non é só seleccionar os espectáculos, ten moito máis que iso, que orientación lle imos dar, pero buscar en todos os ámbitos das artes ao vivo. No é tan simple como un… para nenos traemos títeres. Traemos títeres si, pero para nenos tamén traemos danza contemporánea, clown, teatro mudo, de actor, espectáculos que teñen un contido e tratan temas que ensinan a forma de afrontar problemas na vida e outros para divertir e emocionar. Moitos espectáculos teñen premios, non é o criterio que empregamos para facer a selección pero coincide que son seleccionados por diversos festivais como mellores espectáculos”.
Ao remate de debullar a programación, que vos deixamos a continuación, Xacobe destacou que esta edición, a 24º, contará como vén sendo habitual coa importante implicación do público (nenas, nenos e adultos) que vota ao remate de cada función e achega comentarios grazas aos que se puideron mellorar diferentes cuestión ao longo dos anos como o caso dos alzadores ou a venda anticipada en liña que xurdiron no seu momento por demandas de nenos e familias.
Entradas anticipadas e abonos para as sete representacións á venda en Ataquilla.com
DOMINGO 15 DE OUTUBRO – ‘Ás para Álex’ de Baobab (Galiza)
Álex e un neno coma calquera neno de 8 anos que lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos/as, ir ao parque…, a sua paixón: o fútbol, pero un día Álex ten que deixalo todo, porque o seu corpo non responde, non camiña…e como calquera neno, Álex enfadase, enfadase coa sáa nai, coa sáa irma, co seu can, ata co fútbol, Álex enfadase co mundo e ten moitas preguntas, – porque a min?, por que non podo xogar? Por que, por que e por que?…, está tan encabuxado que deixa de mirar ao seu arredor, até que un día aparece Laura no seu camino, e sen pedir permiso pero con moito coidado e cariño entra de cheo na súa vida para mudarlle a mirada.
- Espectáculo: Teatro de actor e monicreques
- Duración: 50 minutos
- Idade recomendada: a partir de 4 anos e adultos
DOMINGO 22 DE OUTUBRO – ‘Nube nube’ de Periferia Teatro (Murcia)
‘Nube nube’, é un xogo poético sobre a idea do amor romántico que se nos transmite dende a máis tenra infancia. Inspirado no conto da Sereíña de Ándersen, en ‘Nube nube’ facemos unha revisión, desde o humor e o amor, do que somos capaces de facer para querer e para que nos queiran.
Premio Drac D´Or ao mellor espectáculo infantil/familiar Fira Titelles de Lleida 2021.
Premio xurado infantil mellor espectáculo 33 Festitíteres Alicante 2020.
Premio ao mellor espectáculo de títeres e obxectos FETEN 2020.
- Espectáculo: Teatro de actor e monicreques
- Duración: 50 minutos
- Idade recomendada: a partir de 4 anos e adultos
DOMINGO 29 DE OUTUBRO – ‘La fábula de la ardilla’ de La Baldufa (Catalunya)
O gran Ourizo Cacho vive placidamente, á sombra dun gran carballo, e coida aos seus, mentres goza do seu pedaciño de mundo. Mais un dia, esta paz verase perturbada, pola chegada dun esquío amabel, travieso e xoguetón. A convivencia non vai ser fácil. Descubriremos un Ourizo Cacho arisco e protector, e un esquío con gañas de saber e compartir.
Un espectáculo sobre a diferencia e a mestizaxe, recomendado pola Red Española de Teatros.
Premio mellor producción FETEN 2022.
Premio mellor espazo escénico FETEN 2022.
La Baldufa foi Premio Nacional de Teatro para la Infancia y la Juventud 2020.
- Espectáculo: Teatro de actor
- Duración: 50 minutos
- Idade recomendada: a partir de 6 anos e adultos
DOMINGO 5 NOVEMBRO – ‘Nina Ninette’ de Determinada Cia (Galiza)
Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso! Mais Nina sinte a falta do seu lar e decide marchar. A cuestíon é que ese mundo é un labirinto e como todos os labirintos, é moi doado entrar pero ben complicado sair. Será que ela o consegue?…
- Espectáculo: Danza
- Duración: 55 minutos
- Idade recomendada: a partir de 3 anos
DOMINGO 12 NOVEMBRO – ‘Hugo’ de Os Náufragos (Galiza)
Hugo é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e as plantas. Hugo ten TEA, trastorno do espectro autista. HUGO fala da empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia. Ser diferentes fainos grandes.
Premio María Casares 2022 ao Mellor Espectáculo para a Infancia.
- Espectáculo: Teatro de actor
- Duración: 40 minutos
- Idade recomendada: a partir de 4 anos e adultos
DOMINGO 19 DE NOVEMBRO – ‘Particular’ de Marcel Gross (Catalunya)
Un PARTICULAR personaxe chegou á cidade. Quen é? Por que leva eses zapatóns? E ese sombreiro? E o nariz vermello? Él está nun recuncho da praza e observa. Mezcla a sensibilidade do clown, a retranca do bufón e a comunicación do showman. Apaña a realidade e transformaa a través da risa e da imaxinación.
Que podes esperar dese PARTICULAR personaxe que garda a lúa nunha caixa de cartón e que coleciona aplausos.
- Espectáculo: Clown
- Duración: 55 minutos
- Idade recomendada: a partir de 3 anos e adultos
DOMINGO 26 DE NOVEMBRO – ‘No nos moverán’ de Titiriteros de Binefar (Aragón)
Un grupo de hippies marchan vivir a unha aldea abandonada onde quedaba unha habitante, Aurora. Dela aprenderon moitas cousas. Volveron abrir as casas, habitalas, recuperar a aldea… Pero un grupo de empresarios quixeron expulsalos. Un espectáculo musical de títeres e actores con xogos e cancións da tradición oral que farán cantar a todo o público.
Premio Drac d’Or de les Autonomies en la 22ª Fira de Teatre de Titelles de Lleida.
Titiriteros de Binefar foron Premio Nacional de Teatro para la Infancia y la Juventud 2009.
- Espectáculo: Teatro de actor, música e títeres
- Duración: 55 minutos
- Idade recomendada: Todos os públicos