A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, convoca a primeira edición do concurso “Reacción polo Clima

25 Outubro 2020

Cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional Contra o Cambio Climático, unha celebración instaurada pola Organización das Nacións Unidas para paliar os devastadores efectos que se están producindo nos últimos anos en todo o planeta.

Na actualidade hai 1.800 millóns de persoas entre 10 e 24 anos de idade, que constitúen a xeración de mozas e mozos máis grande da historia. Preto do 90 % viven en rexións en desenvolvemento, onde son a poboación máis numerosa. Estas cifras irán en aumento ata o 2030, cando preto de 1.900 millóns de mozas e mozos cumprirán 15 anos. Conectada entre si coma nunca antes, a xuventude quere contribuír (e xa o fai) á resiliencia das súas comunidades, propoñendo solucións innovadoras, xerando progreso social e inspirando cambio político. Tamén son axentes de transformación, xa que contribúen ao avance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para mellorar as vidas da xente e a saúde do planeta.

Se se lles provee das habilidades e oportunidades necesarias para desenvolver o seu potencial a mocidade pode ser unha forza de apoio para o desenvolvemento e para contribuír á paz e a seguridade.

As organizacións dirixidas por mozas e mozos necesitan ser fomentadas e empoderadas a participar na posta en práctica de políticas públicas de maneira local, rexional e nacional da Axenda 2030. A xuventude xoga un papel significativo na implementación, vixilancia e revisión da Axenda, así como en responsabilizar os gobernos. Con compromiso político e recursos adecuados a mocidade ten o potencial de facer máis efectiva a transformación do mundo nun lugar mellor para todas as persoas.

O cambio climático é o maior desafío do noso tempo e agora atopámonos nun momento decisivo. Desde pautas meteorolóxicas cambiantes, que ameazan a produción de alimentos, ata o aumento do nivel do mar, que incrementa o risco de inundacións catastróficas, os efectos do cambio climático son de alcance mundial e dunha escala sen precedentes. Se non se toman medidas drásticas desde hoxe será máis difícil e custoso adaptarse a estes efectos no futuro.

Neste contexto a mocidade ten moito que dicir, polo que a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, convoca a primeira edición do concurso “Reacción polo Clima”.

O concurso “Reacción polo Clima”, que ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais e, deste xeito, potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións neste eido.

+info. e bases en depo.gal

Está pasando!