A Deputación de Pontevedra leva este venres a Ponteareas o espectáculo musical ‘Camiñantes e Cantantes’ no marco do programa +Música

5 Setembro 2024

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo das Festas de Setembro da localidade


A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música o espectáculo musical ‘Camiñantes e Cantantes’ que se celebrará este venres 6 de setembro ás 22:00 horas na Praza Maior de Ponteareas.

Con +Música, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

O espectáculo ‘Camiñantes e Cantantes’ é un repaso pola música popular galega desde mediados do século XIX ata a actualidade a través das distintas variantes do Camiño de Santiago. Integran a actuación músicos da orquestra La OcaBand, o actor Manuel Manquiña no rol de condutor, ou Pepo Suevos co monólogo inicial do espectáculo. Durante as preto de dúas horas de show, a música irá acompañada de imaxes aéreas do camiño tomadas con drons, ademais doutros xogos visuais que se proxectarán nas pantallas.

O espectáculo ‘Camiñantes e Cantantes’ forma parte da programación das Festas de Setembro de Ponteareas, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

Está pasando!