Exposición sobre o centenario da Misión Biolóxica de Galicia | © Concello de Pontevedra

A exposición do centenario da Misión Biolóxica de Galicia xa pode ser visitada no paseo de Antonio Odriozola de Pontevedra

15 Xaneiro 2022

Logo da súa presentación esta mesma semana, a exposición que celebra o centenario da creación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) xa pode ser visita no paseo de Antonio Odriozola, ao carón da praza da Ferraría. Unha mostra que recolle o pasado, o presente e o futuro do centro de investigación situado en Salcedo, co obxectivo de achegar o traballo e as persoas que alí traballan até a veciñanza da Boa Vila.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa directora da MBG, Elena Cartea, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, estivo presente na inauguración da mostra e participou na breve visita guiada que realizou por ela Pedro Peón, encargado da mesma e vicedirector técnico de internacionalización, transferencia e difusión da MBG.

Os tres cubos que conforman a exposición presentan fotografías, ilustracións e breves cadros de texto con información, amais de códigos QR que permiten afondar aínda máis na realidade da Misión Biolóxica de Galicia e a súa importancia dentro do eido da investigación e o sector primario galego e estatal.

Fernández Lores quixo facer fincapé de novo, durante a súa intervención, na relevancia da MBG dentro da cidade. Un centro de investigación que moitos veciños e veciñas non se decatan da súa presencia, mais que da cabida a máis de 80 persoas, logrando avances significativos que de seguro permitirán logros para o sector primario galego.

Os tres cubos dividen a información en tres trazos ou épocas concretas:

– O pasado, un pequeno resumo desde o nacemento da MBG até case a actualidade, unha evolución e percorrido histórico.
– O presente, a MBG hoxe. Presenta os oito grupos de investigación que compoñen esta entidade hoxe e os seus principais estudios.
– O futuro, cos desafíos que aparecen no horizonte da MBG, como as preocupacións pola biodiversidade xenética en xeral e mesmo algúns dos obxectivos de desenvolvemento sostible redactados pola ONU.

Está pasando!