Gallego e Poza, na presentación da Festa do Mar de Vilaboa | © Concello de Vilaboa

A Festa do Mar de Vilaboa incorpora unha cata con premio ao sabor, á innovación e á presentación

26 Marzo 2024

Tres restaurantes locais prepararán as racións a base de mexillón, choco e ameixas xapónica e cornicha mantendo os prezos do ano pasado


O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, presentaron o pasado venres o programa da Festa do Mar de Vilaboa, que este ano se consolida na súa terceira edición.

A promoción gastronómica irá ligada a un potente programa musical e mesmo actividades infantís xa que se trata dun evento para gozar en familia coa Banda de Gaitas e Baile Aires de Cobres, Fanfarria Taquekardia e Os Bregadiers.

De xeito consensuado coas mariscadoras e bateeiras, a Festa do Mar de Vilaboa celebrarase este ano os días 13 e 14 de abril, datas nas que “a ameixa e o mexillón están no mellor momento para o consumo”, explicou Carmen Gallego, que agradeceu tamén a colaboración dos restaurantes (A Casa de Rosa de Mazaroca, Casa Aurelia, A Garboa e Panadería Pastelería Os Laranxos), na elaboración das tapas que se servirán, e que manteñen os mesmos prezos do ano pasado (6 euros para a ameixa, 5 para o choco e 3,5 o mexillón). No recinto da carpa, instalada á beira do porto, estará tamén bar Chancho, completando a oferta gastronómica.

Producirase unha maridaxe dos produtos do mar cos viños da IXP Ribeiras do Morrazo, que estarán representados polas adegas Os Areeiros e Ardán. 



Entre os produtos a degustar a cornicha é a principal novidade deste ano e prestarase a novidosas presentacións. As datas elexidas este ano para a celebración da Festa do Mar coinciden precisamente coas mareas vivas, que favorecen o traballo de mariñeiros e mariscadoras.

A Festa contará tamén cunha cata na que o xurado estará integrado por bateeiras e mariscadoras que outorgarán tres premios ao sabor, á innovación e á presentación. 

Tanto César Poza como Carmen Gallego apostan por esta Festa como un evento para poñer en valor todo o que o mar de Vilaboa pode aportar á gastronomía galega e convidan á veciñanza da contorna a achegarse a gozar do programa das dúas xornadas festivas.

Está pasando!