A fusión de flamenco, pop e ritmos actuais de Antonio Carmona encherá o parque da Xunqueira de Vilagarcía o 20 de agosto

10 Xullo 2024

  • Aos poucos vaise debullando a lista de concertos, todos gratuítos, das festas de San Roque 2024. Aos de Guadi Galego (mércores 14 de agosto) e Anni B. Sweet (domingo 18), agora únese o de Antonio Carmona o martes 20. Será ás 22:30 horas no parque da Xunqueira
  • Na xira 2024, que comezou en febreiro en Jerez de la Frontera, o compositor granadino está acompañado no escenario por algúns membros da súa familia, a dos Habichuela, con tan ampla traxectoria e transcendencia na música de España
  • No seu repertorio, ademais dos temas novos, Carmona fará repaso dalgúns dos grandes éxitos de Ketama, o grupo a que pertenceu e liderou durante case dúas décadas

Este ano, ao tempo que prepara un novo disco, Antonio volve sobre o escenario co seu espectáculo “Antonio Carmona en familia”, unha auténtica festa flamenca. Rodeado dos seus, ofrece un concerto único para todos os públicos onde o baile, a forza, o “duende” e a diversión están garantidos.

Un espectáculo que mestura a forza e a pureza do flamenco coa diversidade dos ritmos latinos e a vangarda dos sons máis actuais. Gran compositor cunha voz única, percusionista excepcional e guitarrista, é un “mestre” do directo. E iso poderán comprobalo os vilagarciáns e visitantes o martes 20 de agosto, e con carácter gratuíto, dentro da programación das festas de San Roque 2024, organizadas polo Concello de Vilagarcía de Arousa..

Ao longo de toda a súa carreira, Antonio Carmona colaborou cos artistas máis importantes do panorama musical nacional e internacional. Camarón da Isla, Paco de Lucía, Lenny Kravitz, Willie Nelson, Alejandro Sanz, Juanes, Nelly Furtado… son algúns dos artistas que traballaron con el.

Entre as súas últimas colaboracións, cabe destacar a composición e interpretación do éxito mundial “Me maten” xunto a C. Tangana e de “Corazón gitano”, canción incluída en “Mendo”, álbum de Alex Cuba premiado como o mellor de pop latino nos Grammy 2022.

Está pasando!