A Guarda conmemora o 25N coa exposición “Sempre Vivas”

17 Novembro 2020

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, organiza a exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

Nesta exposición van a participar todos os centros educativos da Guarda, a Asociación Avelaíña, o Centro San Xerome e o Obradoiro de Emprego da Guarda e poderá visitarse do 25 de novembro ao 4 de decembro en horario de 9:00h a 15:00h na Casa dos Alonso.

Queremos manter na nosa lembranza a todas as mulleres ás que lle despoxaron os soños, os recordos e o seu propio alento.  Todas as vidas que alguén decidiu que non merecían continuar e apagaron pola forza.

O obxectivo desta exposición é homenaxear ás vítimas da violencia de xénero, para que non sexan borradas do mapa de balde. En certo xeito, queremos volver a darlle vida, enchendo as súas siluetas de cor, de mensaxes, de alento, … para que a súa lembranza permaneza en nós  e nos motive a reflexionar sobre o xeito en que nos achegamos á lacra da violencia machista como sociedade, pondo por bandeira a sororidade e a afouteza para combater e denunciar estas situacións. Queremos facer partícipes ás crianzas, porque elas son o futuro, e unha educación a favor da igualdade entre todas as persoas sen distinción de xénero ou condición é o comezo da andaina.

Campaña En Negro contra as Violencias

A Concellería de Igualdade do Concello da Guarda, con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, únese un ano máis á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

Desde o Concello, ponse a disposición da cidadanía, establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería, camisetas e mochilas e xa destinado especificamente ao sector da hostalaría, pousavasos e panos para que do 17 ao 25 de novembro, poidan vestir as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes e  ás/ós propias/os traballadoras/es.

Este ano como novidade repartiranse memorias USB e marcapáxinas para a comunidade educativa que vai participar na  exposición Sempre Vivas que se inaugurará o propio 25 de Novembro na Casa do Concello.

Para participar nesta campaña este ano, dadas as circunstancias actuais, farase entrega do material na recepción do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 de luns a venres. Entregarase un exemplar de cada material a todas aquelas persoas que estean interesadas totalmente de balde.

Está pasando!