A Guarda organiza unha ruta en bicicleta pola Semana da Mobilidade

10 Setembro 2021

O Concello da Guarda, a través das Concellerías de Deportes e Medio Ambiente e coa colaboración do Clube Ciclista Guardés, organiza este ano un ‘Paseo en Bici’ enmarcado na Semana da Mobilidade, celebrada en toda a comunidade europea entre os días 16 e 22 de setembro.

O tema da Semana Europea da mobilidade 2021 é a mobilidade sostible, saudable e segura, rendendo homenaxe ás adversidades sufridas en Europa e no mundo durante a pandemia da COVID-19, reflexionando nas oportunidades de cambio que xorden dunha crise sanitaria sen precedentes.

Ademais de mellorar a saúde física das persoas, os desprazamentos en bicicleta e a pé tamén teñen efectos moi beneficiosos para a saúde mental, a mobilidade activa reduce a depresión, ansiedade e outros problemas similares.

No caso da Guarda, está comprobado que te podes desprazar dun lado ao outro do casco urbano en tan só 15 minutos, ofrecendo á cidadanía a posibilidade de atender as súas necesidades con só un breve desprazamento a pé ou en bicicleta dende a súa casa.

A redución da contaminación atmosférica derivada do transporte nas zonas urbanas se consegue principalmente limitando ou prohibindo o tráfico contaminante, creando máis zonas peonís ou de tráfico restrinxido.

O ‘Paseo en Bici’ promovido na Guarda dentro da Semana da Mobilidade 2021 terá lugar o domingo día 19 de setembro con saída ás 11:00 horas dende a Alameda da Guarda, cun percorrido polo casco urbano de aproximadamente 10km e para todo tipo de públicos, haberá agasallos para os participantes.

As inscricións están abertas na OMIX da Guarda no 986610000 ext.7 ou en informacion@aguarda.es

Contarase cun servizo de apoio, colaboración do GES e da Policía Local, así como un protocolo COVID-19 específico para esta actividade.

Está pasando!