A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) máis ‘Cósmica’ chega á 41 edición con 11 días de teatro

14 Xuño 2024

A 41 edición da Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) celebrarase entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024 para encher a vila morracense de teatro, danza, obradoiros, encontros, presentacións e exposicións. Veciñanza e visitantes poderán desfrutar do mellor das artes escénicas, ben no Auditorio ‘Xosé Manuel Pazos Varela’, ben nas rúas, prazas e outros lugares de Cangas. O festival arrancará o xoves 27 de xuño co pregón da actriz galega Patricia Vázquez.

A 41 edición chega repleta de actividades para todos os públicos, entre as que se inclúen 7 estreas absolutas, 7 estreas en Galicia e 4 coproducións. A inclusión social é un dos eixos desta 41 edición, programando diferentes actividades que falan directamente de inclusión e convivencia. Por unha banda, a compañía Chévere presentará en Cangas ‘Helen Keller, a muller marabilla?’, un espectáculo que se adentra na vida e obra da activista norteamericana Helen Keller, pioneira na loita pola igualdade, a xustiza social e a disidencia e, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. A obra é unha coproducción de Chévere, o Centro Dramático Nacional e o Teatre Lliure.

Ademais, celebrarase a ‘I Xornada de Inclusión e Teatro’, que inclúe unha Charla-Taller que impartirá Chévere sobre ‘Helen Keller. A Muller maravilla? e os problemas, retos e ferramentas para crear unha obra inclusiva e accesible’, e un encontro profesional dos colectivos Atempo, Doa, Artefeito. Scoop. Galega e Lazazul que traballan con persoas con diversidade funcional e utilizan o teatro, a expresión e a pedagoxía teatral como ferramentas para mellorar a vida das persoas máis vulnerables ou con risco de exclusión social.



ESTREAS

Sete son as estreas absolutas. A primeira que poderemos ver é ’Sobre o extravío ou a arte de perderse’, da creadora galega Nuria Sotelo e dirixida pola dramaturga Ana Vallés. A segunda, que nace da coprodución entre a Mostra e a compañía galega AsSircópatas, é a terceira entrega da triloxía ‘Rogelio. La fête’, un espectáculo para toda a familia na que o actor Dani Blanco mestura circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor. Ademais, a Escola de Teatro de Cangas estrea ‘Espectáculo ETC’. ‘Latexo’ é outra estrea absoluta e, tamén, coprodución entre a MITCFC e Pistacatro, unha obra en clave de clown, con dous actores paiasos (Aitor Garuz e Jano Costas) e que reflexiona sobre o concepto do ritmo, impulso e latido. Outra estrea -en coprodución co colectivo Vacaburra é ‘Ruar’, unha peza para dous corpos (Davide González e Andrea Quintana) sobre a imaxinación do movemento no espazo público. Tamén, dentro das estreas absolutas e coprodución coa Mostra, a compañía galega Teatro Ensalle presentará ‘Canchal XI. Sobre’, coa colaboración do director e actor catalán Juan Navarro e Terrorismo de Autor. Por último, Cangas volverá acoller e producir o Torneo Galego de Dramaturxia, que este ano chega á súa oitava edición.

As representacións no Auditorio abriranse cunha das sete estreas en Galicia. A Premio Nacional de Teatro 2023, Ana Zamora, volve a Cangas cunha coprodución da compañía Nao d’amores e o Teatro Clásico Nacional, unha adaptación da obra de Calderón de la Barca, ‘El Castillo de Lindabridis’, unha comedia novelesco-cabaleresca con linguaxe poética, música e danza.

‘A idade de Cacifo’ é outra das estreas galegas, neste caso da compañía portuguesa Peripecia, unha obra para público mozo e adulto con música en directo. A peza é unha inmersión no mundo dos adolescentes, que viven detrás das regras impostas polos adultos, polos estereotipos ou polos seus propios conflitos internos. O teatro xestual estará a cargo da mítica compañía Yllana co seu rítmico e divertido ‘Passport’ e, tamén, o teatro físico, con máscaras, títeres e música na obra ‘Redes’, cunha interpretación maxistral por José Luis Montiel, de Emovere (Madrid). Por primeira vez en Galicia, veremos o irreverente e trepidante espectáculo ‘Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I’, da xenial compañía mallorquina, afincada en Cataluña, La Calòrica. Feísima é unha traxicomedia grotesca sobre a fame de poder e a ridícula brevidade da vida. A obra que clausurará o 7 de xullo a 41 edición da MITCFC é ‘Perhaps, perhaps, quizás’, da artista mexicana, Gabriela Muñoz, que dá vida á xenial clow, Chula the Clown. A obra xoga coa idea da espera e a ilusión por atopar a parella “perfecta” e a soidade que conleva.

PREMIO ‘XIRIA’

O Premio ‘Xiria ao Labor Teatral’ desta 41 edición é para o espectáculo de Chévere ‘Helen Keller, a muller marabilla?’. A organización destaca o “excepcional traballo de inclusión, no ámbito profesional teatral galego e estatal, non só accesible para persoas con discapacidade auditiva, visual ou xordocegueira senón que, tamén, cuestiona a incomunicación entre estas e as persoas ´sen discapacidades`, conseguindo establecer unha conversa aberta e directa copúblico”.

MULLERES EN ACCIÓN

Outra das citas importantes é a de Mulleres en Acción, que este ano arrancará un día antes do comezo oficial do festival, coa inauguración dunha exposición das primeiras video-performances da artista María Ruido. E a continuación exhibirase o seu último filme ‘Las reglas del juego’, unha performance-conferencia da artista, realizadora e investigadora. Trátase dunha conversa entre ela e a escritora e activista Brigitte Vasallo na que se afonda nas dificultades e contradicións de clase e de xénero que se producen no mundo laboral artístico e cultural. A MITCFC outorgaralle a María Ruido o Premio Mulleres en Acción, en recoñecemento ao seu “excelente labor artístico” que utiliza a arte cinematográfica “dun xeito orixinal, inexplorado e cunha linguaxe propia”. A organización destaca que Ruido “constrúe unha contra-narrativa feminista e de clase” e que a súa obra invita á reflexión sobre “o desclasamento, conflitos, dificultades e contradicións de xénero e de clase”.

ENTRADAS

Entradas individuais á venda a través da plataforma Ataquilla.com. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo. A compra online non terá gastos de xestión.

Está pasando!