A Sede Afundación de Vigo acollerá dende mañá martes, a exposición ‘Graça Morais e José Saramago: a arte de pensar O Ano de 1993

17 Outubro 2022

Esta exposición, organizada pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Bragança / Laboratório de Artes na Montanha – Graça Morais e a Université Sorbonne Nouvelle Paris / CREPAL (Vigo, 18-29 de Outubro de 2022), no ámbito do VII Congreso Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, terá lugar na Sede Afundación Vigo (18-29 de outubro, Sala de Exposicións II).

A comisaría é de Burghard Baltrusch (CJS-UVigo), Egídia Souto (Sorbonne Nouvelle) e Joana Baião (IPB/LAM).

A mostra, organizada co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de José Saramago (1922-2010), aborda a amizade e o fértil encontro entre o escritor e a pintora Graça Morais (n. 1948), testemuñados polos traballos expostos, por primeira vez, en reproducións de grande calidade: 9 dos 10 deseños concibidos pola artista para a segunda edición, esgotada hai moito tempo, do libro O Ano de 1993 (1987); e o retrato do escritor, inédito, executado algún tempo despois do seu falecemento. O Ano de 1993 é un poema filosófico estruturado a partir da compilación de trinta textos alegóricos en prosa poética. O primeiro poema foi escrito en marzo de 1974, en resposta a unha tentativa falida de levantamento militar que visaba por fin ao réxime ditatorial portugués. A obra foi concluída e publicada en 1975, despois da Revolución dos Caraveis (25 de Abril de 1974) e nun contexto de incerteza do rumbo que iría ser tomado pola nova democracia. De aí a construción dunha narrativa non-linear que referencia a represión sobre a sociedade, a resistencia, a violencia revolucionaria e, simultaneamente, o desexo de liberdade e a esperanza.

En 1987 José Saramago desafiou a Graça Morais a concibir os deseños que virían ser publicados na segunda edición do libro O Ano de 1993, estimulando así un encontro entre dous mundos – o da escrita e o da pintura – que “não só se encontraram e reconheceram, como, assim o creio, se identificaram” (Saramago, 2002). A pintora produciu entón unha serie de dez composicións que establecen un xogo coa natureza fragmentaria do poema. Con todo, Graça Morais evitou a ilustración directa, antes optando por (re)crear segmentos daquel universo onírico, ampliando así o seu valor estético e poético. Consciente de como a comuñón entre o seu texto e o traballo artístico de Graça Morais resultaron nun novo conxunto interartístico, José Saramago quixo que, na publicación, o nome da artista aparecese en pé de igualdade co seu. Nesta exposición recordamos este encontro poético entre a palabra escrita e a imaxe, entre dúas grandes personalidades cuxas obras fecundas teñen, sempre, o poder de interpelarnos.

José Saramago

José Saramago naceu o 16 de novembro de 1922 en Azinhaga, na provincia de Ribatejo. Antes de facer dous anos, a súa familia afincouse en Lisboa. Cursou estudos secundarios que, por dificultades eco- nómicas, non puido concluír. En 1947 publicou o seu primeiro libro, unha novela, Terra do Pecado. Traballou durante doce anos nunha editora, onde exerceu funcións de dirección literaria e de produción. Colaborou como crítico literario na revista Seara Nova. En 1972 e 1973 formou parte da re- dacción do xornal Diário de Lisboa, onde foi comentador político e coor- dinador, durante cerca dun ano, do seu suplemento cultural. Entre abril e novembro de 1975 foi director-adxunto do xornal Diário de Notícias. A partir de 1976 pasou a vivir exclusivamente do seu traballo literario, primeiro como tradutor, despois como autor. Pertenceu á primeira Dirección da Asociación Portuguesa de Escritores e foi, de 1985 a 1994, presidente da Assembleia Geral da Sociedade Portuguesa de Autores. En 1998 outorgóuselle o Premio Nobel de Literatura. José Saramago faleceu o 18 de xuño de 2010.

Graça Morais

Graça Morais naceu en 1948 nun pequeno poboación do interior nordeste de Portugal, preto de Bragança. Formouse en Pintura no Porto, pasou por París e acabou por asentarse en Lisboa na década de 1980. A pintora sempre mantivo un forte vínculo coa súa aldea natal e todo o seu universo pictórico desenvólvese en torno dunha reivindicación consciente das súas orixes. Entre 1974 e a actualidade, Graça Morais realizou e participou en máis de dúas centenas de exposicións individuais e colectivas, en Portugal e no estranxeiro, estando representa- da nos acervos dos principais museos, fundacións e coleccións públicas e privadas do país. Concibiu proxectos de escenografía teatral, realizou ilustracións e traballos colaborativos con escritores e é autora de numerosas intervencións en espazos públicos. Recentemente, recibiu a Medalla de Mérito Cultural do Goberno portugués (2019), foi homenaxeada na Sorbonne Nouvelle, en París, cunha xornada de estudos sobre a súa obra (2021) e foi distinguida co Doutoramento Honoris Causa atribuído pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (2022).


Está pasando!