Presentación do IX Torneo Encestarías | © Concello de Pontevedra

A segunda edición do Encestarías en Pontevedra vestirá a cidade cun baloncesto do máis alto nivel

31 Xullo 2024

  • A IX edición deste evento contará coa participación do AS Mónaco, do CB Breogán, do Basquet Coruña e do Valencia Basket
  • O torneo desenvolverase entre o 13 e o 14 de setembro, no Pavillón Municipal de Deportes; as entradas sairán á venda o 1 de agosto

Pontevedra volverá acoller unha nova edición do Encestarías. O torneo de baloncesto chega a súa edición número nove cun cartel de auténtico luxo, reunindo aos dous equipos galegos máis importantes da actualidade (CB Breogán e Basquet Coruña), ao tempo que achega ata a cidade do Lérez ao AS Mónaco (campión da LNB) e ao Valencia Basket.

A Boa Vila vivirá dúas xornadas cun baloncesto de altísimo nivel dentro do Pavillón Municipal dos Deportes. Entre o 13 e o 14 de setembro, disputaranse os distintos encontros que tamén serán retransmitidos en liña. Ademais dos catro partidos ‘oficiais’, haberá un concurso de triplos e unha gran sorpresa que a organización do evento revelará no futuro.



A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, xunto coa edil de Deportes, Anabel Gulías, destacou o placer que lle produce poder implicar a sociedade pontevedresa nun evento destas características. «A experiencia do ano pasado foi inmellorábel a través dun baloncesto de alta calidade e é imposíbel non pensar naquela presentación», indicou. «Debemos seguir traballando para que a cidade continúe a gozar con citas deste tipo».

Diego Doval, coordinador do evento, destacou a participación internacional que supón o desembarco do equipo francés na Boa Vila, que conta con auténticas estrelas dentro do seu cadro de xogadores e que terán en Pontevedra unha cita perfecta de cara á nova tempada.

As entradas poranse á venda o vindeiro 1 de agosto, e poderán ser adquiridas a través da web oficial do evento. Doutra banda, será posíbel adquirilas na tenda deportiva Goleada, situada na rúa Pai Fernando Olmedo.

Está pasando!