1º Premio de Pintura en 2023. ‘Figura(s)’ de Lidia Amado Rodríguez

A UVigo busca unha nova remesa de ‘artistas emerxentes’

21 Maio 2024

A UVigo acaba de arrancar a procura dunha nova remesa de ‘artistas emerxentes’ e faino co lanzamento da convocatoria dos Concursos Universidade de Vigo 2024, nos que se inclúen o XXI Premio de creación audiovisual, o XX Certame de fotografía, o XXI Premio de pintura e o XXI Premio de maquetas de música.

Abertos á participación de todos os membros da comunidade universitaria, as persoas interesadas poderán enviar as súas propostas a través da sede electrónica ata o vindeiro 30 de xullo.

O único requisito é ser persoas creativas e presentar traballos orixinais que non fose premiados en ningún outro concurso ou festival.



3300 euros para os premios de Creación audiovisual

No caso do Premio de Creación audiovisual convócanse tres modalidades: curta narrativa, non ficción e vídeo experimental e cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, non debendo exceder ningún dos traballos os 15 minutos de duración.

En cada modalidade, outorgarase un primeiro premio de 700 euros e un segundo cunha dotación de 400 euros. Serán en total 3300 euros.

1600 euros para o Premio de Pintura

Na modalidade de Pintura repartiranse dous galardóns, un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 600 € e os traballos premiados pasarán a formar parte da colección artística da Universidade de Vigo. Neste caso, cada participante só pode presentar unha única obra, orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso.

A técnica será libre, sempre e cando estea garantida a súa estabilidade, e o tamaño non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións.

1500 euros para o Certame de Fotografía

O Certame de fotografía, que este ano acada a súa vixésima edición, conta tamén con dúas modalidades: serie (de tres, catro ou cinco fotografías) e fotografía única. Os traballos deberán presentarse neste caso en formato JPG en tamaño de impresión de 240 px por polgada, cun tamaño máximo de 15 MB por cada fotografía e usando formato zip para a súa compresión (modalidade serie).

Repartiranse en total 1500 euros: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 na categoría de serie, e un primeiro de 400 euros e un segundo de 200 en fotografía única.

1300 euros para as mellores Maquetas de música

Na categoría de Maquetas de música o primeiro premio ascende a 850 euros e o segundo a 450 euros. Poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñente ao menos dous membros da devandita comunidade ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes, quedando excluídos os que teñan editado algún traballos discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade.

A UVigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras ou promover actuacións destes artistas, quen, ao mesmo tempo, poderán tamén promocionar estas pezas pola súa conta, sempre e cando mencionen o premio.

Está pasando!