Cabinas literarias de Redondela | © Concello de Redondela

As cabinas literarias de Redondela celebran o seu primeiro aniversario de funcionamento cun balance moi positivo

27 Marzo 2024

Esta semana cúmprese un ano dende que se abriron as cabinas literarias, e a avaliación desde o Concello de Redondela é moi positiva. Tanto pola cantidade de libros que se ofrecen, e que amosan a participación da veciñanza, como pola proximidade da cultura escrita a todos os públicos gañando espazos nas rúas e prazas.

O Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, felicita tamén á veciñanza de todas as idades “polo seu respecto e civismo”. Despois dun ano as cabinas locen en perfecto estado, e non se teñen rexistrado pintadas, nin roturas, polo que Rivas fala “dun gran exemplo para todas e todos nós, e tamén para toda Galicia”.


Cabinas literarias de Redondela | © Concello de Redondela

As cabinas literarias de Redondela son froito dun proxecto que naceu en marzo do ano pasado para darlle “unha nova vida” as cabinas telefónicas en desuso. A día de hoxe seguen a formar parte do mobiliario urbano reconvertidas en pequenas bibliotecas para uso da veciñanza e visitantes. Os seus andeis contan con ducias de libros doados pola veciñanza e volumes editados polo Concello sobre as súas parroquias.

A alcaldesa sinala que neste ano “a cantidade de libros multiplicouse grazas ás doazóns da cidadanía” e hai de todo tipo: novelas, contos infantís, literatura xuvenil ou libros de historia, entre outros, ademais de exemplares que o Concello edita sobre Redondela. A acollida destas cabinas literarias “superou todas as expectativas” e cumpriuse co obxectivo de promover a lectura.

As cabinas están instaladas na Fonte de Santiago, Praza da Constitución e Praza de Ponteareas, en Redondela, e tamén na Av. de Redondela de Chapela.

Está pasando!