Ruta guiada “Mulleres: da historia á memoria” | Concello de Redondela

Escolares coñecen nunha ruta guiada ás mulleres destacadas da historia de Redondela

12 Marzo 2025

Dentro da programación da concellería de Igualdade co gallo da celebración do 8M, o Concello de Redondela está a realizar rutas guiadas para escolares.

Baixo a denominación “Mulleres: da historia á memoria” o alumnado pode coñecer o legado que moitas mulleres deixaron en Redondela, e que foron silenciadas pola historia. O percorrido a pé, cunha guía profesional, comeza na praza de Ponteareas, onde nenos e nenas coñecen a historia das mulleres do Convento de Vilavella ou a Lenda da Moura. Outra parada obrigada é a contorna da antiga fábrica de Regojo, onde a man de obra feminina fixo posible unha gran industria téxtil.

O percorrido achégase ata a Casa da Torre para coñecer a Carolina García Tenreiro. Mestra e política do Partido Republicano Radical, en 1934 foi nomeada concelleira de Redondela, sendo a primeira muller nese cargo.

As “madriñas” de San Simón son tamén protagonistas deste roteiro, ao igual que Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”.

A visita rematou na Casa do Concello, onde conversaron coa alcaldesa Digna Rivas, primeira muller en ostentar este cargo en Redondela, e coa concelleira Iria Vilaboa.

As rutas guiadas para escolares continuarán ao longo dos meses de marzo e abril.

Outra actividade da programación do 8M son as charlas “Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero”. Esta actividade estase a celebrar nos centros educativos do municipio e tamén en centros culturais de diferentes parroquias.

Este venres, día 14, será no CC. Quintela, ás 19.30 horas, e en vindeiras semanas será nos centros culturais de Cesantes, Miñoteira-Ventosela, Saramagoso e no Multiúsos de Chapela. O obxectivo de levar estas charlas formativas ás parroquias é facilitar a participación de toda a veciñanza. Serán nos meses de marzo e abril.

VI XORNADAS XEMMA PEREIRA

Hoxe mércores comezan as xornadas de emprendemento feminino “Xemma Pereira” con actividades de formación para o comercio local. Impártense nas Oficinas de Turismo con clases sobre dinamización de ventas, ciberseguridade nas ventas electrónicas, etc.

Serán todos mércores, ata o 8 de abril de 20:30 a 22:00 horas. Inscrición en [email protected].

Estas actividades fináncianse grazas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade.

Está pasando!