Feroz proxecta mañá ‘Cría Cuervos’ e suspende a presentación do estudo sobre as creadoras no audiovisual polos efectos da DANA

7 Novembro 2024

  • A catástrofe de Valencia fai imposible o traslado a Pontevedra de Jéssica Izquierdo, profesora da Universitat Jaume I e residente naquela comunidade, que ía presentar mañá o estudo sobre as creadoras no audiovisual
  • A proxección de Cría Cuervos comezará ás 18.00 horas e o coloquio posterior correrá a cargo de Pepa Blanes. Será na facultade de Comunicación

A programación previa á celebración da gala dos Premios Feroz continúa a súa andaina este novembro en Pontevedra, pero terá unha baixa no programa de mañá: a presentación da investigación “Las creadoras en el audiovisual” realizado pola profesora da Universitat Jaume I, Jéssica Izquierdo, que reside na comunidade valenciana e os efectos da DANA impídenlle trasladarse a Pontevedra para a súa presentación. A actividade queda suspendida.

O que si se mantén é a sesión de tarde, na que Feroz continúa coas proxeccións de cinema achegando ao público clásicos modernos do cine español dentro dun ciclo especial con perspectiva feminista. Analizaranse algúns títulos poñendo sobre a mesa os roles dos personaxes femininos, as historias, certos aspectos formais… elementos que teñen contribuído a que as películas constrúan o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal actual, independentemente da súa calidade cinematográfica.

A proxección prevista para mañá é ‘Cría Cuervos’ (Carlos Saura, 1976) que comezará ás 18.00 horas na facultade de Comunicación de Pontevedra. Ao seu remate, Pepa Blanes, xefa de Cultura da Cadena SER abordará a presenza feminina na película.

Ao igual que no mes de outubro, a entrada ás proxeccións é de balde pero hai que retiralas na Oficina de Turismo da cidade, situada na praza de España. Pódense coller sete días antes de cada proxección até máximo de 4 localidades por persoa. Aqueles convites que non se entreguen repartiranse cinco minutos antes do inicio da proxección na facultade de Comunicación.



Os Premios Feroz

Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano.

Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.


Está pasando!