Presentación do Verán Deportivo Poio 2024 | © Concello de Poio

Futevolei e volei praia volven a Lourido dentro do Verán Deportivo de Poio

28 Xuño 2024

  • Este domingo dispútase o torneo de futevolei, e a próxima fin de semana, os días 6 e 7 de xullo, de volei praia
  • Ángel Moldes convida a veciños e visitantes a achegarse ata a praia para gozar destes partidos, porque, sinala, son unhas probas espectaculares, moi recomendables e, ademais, xóganse nunha contorna incomparable

O futevolei e volei praia volven cobrar protagonismo en Lourido, coa celebración do Verán Deportivo do Concello de Poio que arranca esta fin de semana. O alcalde Ángel Moldes presentou onte, as probas, que pretenden seguir fomentando tamén durante os meses de verán a práctica deportiva e hábitos saudables combinando competicións federadas e amateur.

Este domingo, 30 de xuño, Lourido converterase nun campo de futevolei, que se disputará nas categorías masculina, feminina e mixtas para maiores de 16 anos. Tamén o domingo, para a rapazada de 9 a 16 anos, organizarase o Beach Sports Kids Tour.

A seguintes probas serán o sábado 6 e domingo 7 de xullo, na que competirán en volei praia, tamén na praia de Lourido. O sábado será competición federada nas categorías sénior masculina e feminina e sub-21 masculina-feminina. Esta proba está incluída no circuíto Vichy Catalán volei praia galego, e é proba homologada para puntuar no ránking nacional. O domingo reservarase para a categoría amateur masculino, feminina ou mixta. As inscricións para participar nas probas de volei praia están abertas ata catro días antes da cita, en verandeportivo.com.

Ángel Moldes subliña que o Concello de Poio aposta pola práctica do deporte en todas as modalidades e todas as idades, cun grande apoio a clubs e ao deporte base, apostando por instalacións deportivas de calidade e tamén colaborando ou organizando eventos deportivos de calidade que sexan atractivos para deportistas e público. Nesta liña, convida a veciños e visitantes a achegarse a Lourido para gozar destes partidos, porque, sinala, son unhas probas espectaculares, moi recomendables e, ademais, xóganse nunha contorna incomparable.

Está pasando!