“Galiza, de Nós a nós” | © Deputación de Pontevedra

“Galicia, de Nos a nós”, a exposición máis completa e ambiciosa realizada sobre a Xeración Nós

15 Maio 2021

Museo de Pontevedra acollerá desde o xoves 20 de maio unha das mostras máis importantes que recibirá este ano: “Galicia, de Nós a nós”. Trátase dunha exposición que aspira a ser a recompilación máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a ‘Xeración Nós‘ e recolle obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que amosan as conexión internacionais da revista, embaixadora da cultura galega con máis resonancia a nivel mundial na historia.

A pesares de abrir ao público o día 20 a inauguración oficial adíase ao venres 21, ás sete da tarde, e contará coa participación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, ademais do conselleiro de Cultura e do alcalde de Pontevedra. A mostra estará aberta ata o 11 de xullo.

Exhíbense máis de 300 pezas aportadas por 64 institucións e particulares, entre elas o numeroso grupo cedido polo Museo de Pontevedra, especialmente o do fondo Castelao, impulsor e director gráfico da Revista Nós, concibida en Pontevedra nunha xuntanza que mantivo con Vicente Risco, Losada Diéguez e Ramón Cabanillas en xuño de 1920.

A mostra, organizada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, exhíbese no Museo en virtude da colaboración coa Deputación de Pontevedra.

“Galicia, de Nós a nós” reúne máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores privados. Naceu co alicerce de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta e daquel grupo humano que marcaron o devir de Galicia.

Nas tres salas do Museo nas que se distribúe, a mostra trasladará ás persoas visitantes desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade, poñendo o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.

Abórdanse as ramificacións e a polisemia de ‘Nós’ (grupo, xeración, revista, álbum…), xa que os amplos grupos interxeracionais que se moven arredor da revista son chaves no desenvolvemento das iniciativas anteriores, coetáneas e posteriores. Con todo, os nomes de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas serán guieiros da exposición desde o inicio ao fin da mostra, xa que a Galicia de hoxe sería imposible de imaxinar sen a súa contribución.

Entre os puntos de interese recóllense o mapa que inspirou a Otero Pedrayo; o legado de Pondal nunha maleta; o Santiago Peregrino que Castelao trouxo da Bretaña; a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega; a folga de fame que conmoveu ao país; referencias de cando a BBC emitiu un programa en galego; ou as 134 portadas de Nós reunidas por vez primeira.

Ademais, reúne por primeira vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estudos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

Está pasando!