Presentación da actuación de Vilamariachi e Marietta | © Concello de Poio

Mariachis, exposicións e corais centran a programación cultural de Poio para esta fin de semana

13 Xuño 2024

  • O sábado inaugúranse as exposicións Arias Xidas, do alumnado da Escola de Canteiros de Poio, e Maquetas do patrimonio cultural, do veciño José Manuel Magdalena Otero
  • O XXV Certame de Corais celebrarase pola tarde, tamén no Mosteiro de Poio
  • Vilamariachi e a cantante Marietta actúan o domingo na Comunidade de Montes de San Xoán

A programación cultural en Poio para esta fin de semana ofrece concerto de mariachis, exposicións e certame de corais.

Unhas propostas que comezan o sábado pola mañá, coa inauguración no Mosteiro de Poio das exposicións Arias Xidas, que inclúe as obras do alumnado da Escola de Canteiros de Poio, e Maquetas do patrimonio cultural, coa obra do veciño José Manuel Magdalena Otero. Unhas mostras incluídas dentro da programación do San Xoán que se poden visitar ata o 8 de xullo e que son gratuítas para a veciñanza de Poio, que poden recoller os seus convites na Casa do Concello, no Casal de Ferreirós, na Oficina de Turismo de Combarro e no Palacete de Besada.

Xa pola tarde, celebrarase o tradicional Certame de Corais, que xa vai pola súa vixésimo quinta edición e que está organizada pola Coral de Poio e a parroquia de San Xoán, en colaboración co Concello de Poio. O concerto comezará ás 20.30 horas e participan a Coral Polifónica de Salcedo e a Coral Polifónica de Poio.

O domingo, o Concello de Poio programou o concerto de música en directo dos mariachis Vilamariachi acompañados pola cantante Marietta. Na mañá de onte, os concelleiros Natividad Torres, Natalia Sabarís e Fran Dasilva presentaron a actuación, que se celebrará no local da Comunidade de Montes de San Xoán, ás 18.00 horas e con entrada de balde. Neste caso, sinalaron que o obxectivo do Concello de Poio é ir programando sesións de música en directo itinerantes polas diferentes parroquias, co consenso dos diferentes colectivos e maiores.

Está pasando!