Marín dotarase de ferramentas dixitais para conservar e poñer en valor o patrimonio da vila

19 Setembro 2022

O Concello de Marín porá en marcha un novo catálogo de ferramentas informáticas orientadas á xestión dos diferentes recursos patrimoniais presentes no municipio. Tal e como informou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, “con esta actuación, que acabamos de contratar, imos poder contar con sistemas de xestión dos bens patrimoniais, museísticos, arquivísticos e bibliográficos, así como sistemas para a súa conservación e difusión”.

O obxectivo principal é promover o inventario, catalogación, dixitalización, conservación e difusión de todos eles, cumprindo as distintas normas e normativas internacionais. “O que procuramos, precisamente, é comprometernos coa conservación e a difusión do noso patrimonio presente, pero tamén de todo o pasado, axudando a rememorar a nosa historia”, declarou a concelleira.

Dende hai anos, o Concello leva traballado en diferentes iniciativas que axuden á accesibilidade aos bens patrimoniais, fomentando o desenvolvemento tecnolóxico e a posta en valor da historia municipal.

Coleccións particulares

Este proxecto non só dotará de ferramentas para traballar cos fondos patrimoniais presentes no Concello, senón que tamén proporcionará ferramentas para traballar con coleccións particulares doutras institucións ou de fondos familiares ou persoais.

Contar con estas ferramentas permitirá desenvolver futuros proxectos onde a memoria da vila, calquera que sexa o seu formato, orixe ou estado, poida ser preservada e posta en valor dentro do patrimonio sociocultural do Concello de Marín.

Está pasando!