Mayumaná pechan o Ciclo Xacobeo Vigo este domingo no Auditorio Mar de Vigo

15 Setembro 2022

  • ‘Currents’ está inspirado na “guerra das correntes e narra a disputa entre Thomas Alva Edison e Nikola Tesla a través dun gran espectáculo musical e audiovisual
  • Mayumaná pechará o domingo o Ciclo Xacobeo Vigo que trouxo á cidade artistas de talla internacional como Texas, Steve Vai ou Yann Tiersen

O espectacular show ‘Currents’ da banda israelí Mayumaná chegará este domingo 18 de setembro ás 20.00 horas ao Auditorio Mar de Vigo, para poñer o broche de ouro ao Ciclo Xacobeo Vigo que comezou o pasado mes de xullo.

Este aclamado grupo internacional naceu hai 25 anos e polos seus espectáculos, celebrados en máis de vinte países, levan pasado máis de oito millóns de persoas. O seu novo espectáculo ‘Currents’, está inspirado na denominada “batalla das correntes”, a disputa histórica entre Thomas Alva Edison, inventor da corrente e da patente da bombilla, e Nikola Tesla, da corrente alterna.

Partindo da rivalidade entre estes dous xenios, o director artístico de Mayumaná, o bailarín Boaz Berman, ideou un espectáculo deslumbrante no que se mesturan instrumentos clásicos e percusións realizadas con caldeiros de lixo, danza, acrobacias e grandes pantallas led que proxectan espectaculares efectos visuais. O novo show toma o seu nome dunha palabra en hebreo que quere dicir “habilidade” e introduce en escena obxectos como pelotas de tenis ou aletas de nadar, nun espectáculo que fascinará ao espectador cos seus innumerables xiros e sorpresas.

Esta será a actuación que peche o Ciclo Xacobeo Vigo, que se desenvolveu no auditorio interior e na terraza do Mar do Vigo desde o mes de xullo, e polo que pasaron grandes artistas internacionais como a banda escocesa Texas, o bretón Yann Tiersen, os neozelandeses Fat Freddy’s Drop, a gran revelación da música cubana Cimafunk ou o lendario guitarrista americano Steve Vai.

As últimas entradas para a actuación de Mayumaná este domingo no Mar de Vigo están á venda a través de www.teuticket.com.


Está pasando!