‘Chola a it girl’ | ©pablonunes

A praza da Curtidoira acollerá o ciclo de narración oral e humor ‘Vai de monólogos’

13 Xullo 2021

No marco da programación de verán ‘O son da rúa’, o vindeiro mércores 14 de xullo dará comezo na praza da Curtidoira o ciclo ‘Vai de monólogos’. Desenvolverase ata o domingo 18 e todas as actuacións terán lugar ás 21:00 horas.

Este ciclo achega cinco propostas que teñen como denominador común a narración oral e e o humor, mais cada unha delas combina con outras disciplinas como a poesía, a música ou as artes escénicas.

A primeira das actuacións, o mércores 14, correrá a cargo de AldaoLado, o dúo formado pola poeta e música Lucía Aldao e a poeta e actriz María Lado e cuxos espectáculos se caracterizan polo seu formato de recital poético musicado con altas doses de retranca e ironía. Nesta ocasión achéganse a Pontevedra co espectáculo ‘Furia necesaria’.

O xoves 15 será a quenda do espectáculo ‘Nabiza Girl’ a cargo da actriz Isabel Risco. Será a oportunidade para coñecer e gozar das aventuras de Chelo García Naveira, máis coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato.

O venres 16 actuará o coñecido actor e director de escena, Cándido Pazó, que conta xa cunha ampla traxectoria sobre os escenarios; e o sábado 17 será a quenda de Pablo Meixe, un dos mologuistas que están emerxendo no panorama galego nos últimos anos.

O ciclo remata o domingo 18 co espectáculo ‘Chola, a it girl’ a cargo de Artesa Cía, que se presenta como Compañía Escénica Transmedia e combina teatro con audiovisual. O espectáculo baséase na historia de Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar un monólogo sobre os avatares da súa profesión.

Está pasando!