‘Fallen leaves’| © Cineclube Pontevedra

O Cineclube Pontevedra comeza o 2024 coa proxección dos últimos traballos de Justine Triet e de Aki Kaurismäki

2 Marzo 2024

O Cineclube Pontevedra comeza o ano 2024 coa proxección de dúas agardadas novidades: os últimos traballos da francesa Justine Triet e do finlandés Aki Kaurismäki, que foron respectivamente Palma de Ouro e Premio do Xurado na pasada edición do Festival de Cannes.

O da francesa, ‘Anatomía dunha caída’, ademais, vén de ser galardoado nos Globos de Ouro cos premios ao mellor guión e ao mellor filme de fala non inglesa. Se cadra menos coñecido mais sen dúbida un dos grandes filmes do ano 2022 é ‘Xeografías da soidade’, da canadense Jacquelyn Mills, unha poética e máxica viaxe á illa de Sable (Canadá) a través dos ollos da súa única habitante humana.

As proxeccións do cineclube realízanse os martes no Teatro Principal de Pontevedra, con comezo ás 20:30 horas. Todas as sesións son proxectadas en versión orixinal subtitulada. No caso de xaneiro, tanto o filme de Justine Triet coma o de Aki Kaurismäki contará con subtítulos en galego.


MARTES 16 DE XANEIRO

‘ANATOMÍA DUNHA CAÍDA’ (‘Anatomie d’une chute’). Justine Triet, 2023, Francia, 150 min., VOSG. Lingua orixinal: inglés, francés, alemán.

Sandra é unha escritora alemá que vive co seu marido Samuel e o seu fillo Daniel nun chalé illado no medio dos Alpes franceses. Cando Samuel falece en misteriosas circunstancias, a investigación non pode determinar se se trata dun suicidio ou dun homicidio. Sandra é xulgada por asasinato e o proceso pon a súa tumultuosa relación e a súa personalidade no punto de mira.

  • Palma de Ouro no Festival de Cannes (2023).

MARTES 23 DE XANEIRO

‘XEOGRAFÍAS DAS SOIDADE’ (‘Geographies of solitude’). Jacquelyn Mills, 2022, Canadá, 105 min., VOSE. Lingua orixinal: inglés.

Zoe Lucas, naturalista e investigadora autodidacta, leva máis de 40 anos vivindo, coidando e documentando a illa de Sable, a 175 quilómetros ao este de Nova Scotia (Canadá). É a única habitante humana desta remota franxa de area onde conviven cabalos salvaxes, focas, aves e insectos, e onde chegan residuos plásticos a moreas.

A cineasta Jacquelyn Mills acompáñaa nas súas tarefas habituais, capturando o ciclo da vida na illa en formato 16 mm, con luz natural e sons ambientais obtidos da propia natureza.

  • Premio Caligari en Berlín (2022)
  • Mellor Longametraxe Internacional en L’Alternativa (2022)

MARTES 30 DE FEBREIRO

‘FALLEN LEAVES’ (Aki Kaurismäki, 2023, Finlandia, 81 min., VOSG. Lingua orixinal: finés.

A historia de dúas persoas solitarias que se encontran por casualidade na noite de Helsinki e tentan atopar o primeiro, único e último amor das súas vidas. O seu camiño cara a esta honrosa meta vese empañado polo alcolismo do home, números de teléfono perdidos e a tendencia xeral da vida a poñer obstáculos no camiño de quen busca a felicidade.

  • Premio do Xurado en Cannes (2023)


O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen está dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!