O Cineclube Pontevedra despide a programación de 2024 coa proxección do clásico brasileiro ‘A hora da estrela’

29 Novembro 2024

Baseado na obra homónima de Clarice Lispector, ‘A hora da estrela’, que vén de estrearse en salas nunha nova versión restaurada por Vitrine Filmes, somérxenos por completo no universo da escritora brasileira grazas á persoal mirada da directora Suzana Amaral e á memorable actuación de Marcélia Cartaxo no papel de Macabéa.

Macabéa é unha moza orfa que se lanza ao mundo aos 19 anos. Analfabeta, inxenua e virxe, deixa o nordeste do Brasil para probar sorte en São Paulo. Alí afronta as súas primeiras experiencias profesionais, o primeiro amor e as predicións dunha vidente, unha colisión de mundos que sela o seu destino.

‘A hora da estrela’ é unha desas adaptacións cinematográficas que acaban por exercer certa influencia na obra orixinal. Hoxe é difícil ler o libro de Clarice Lispector sen atribuírlle o rostro de Cartaxo a Macabéa.

  • Premio ao Mellor Filme no Festival de Cinema Latinoamericano da Habana 1985
  • Oso de Prata á Mellor Actriz (Marcélia Cartaxo) no Festival de Berlín 1986
  • Premio da Crítica ao Mellor Filme no Festival de Berlín 1986

A proxección, organizada polo Cineclube Pontevedra, terá lugar o martes 3 de decembro ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.



As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!