Broken Peach actuará o xoves 22 na Festa do Mar de Combarro | © Broken Peach

O Concello de Poio inaugura mañá en Combarro catro días de festa para render homenaxe á cultura mariñeira

21 Agosto 2024

A programación inclúe actuacións infantís, sesións vermú con foodtruks e música en directo, certame de Canción Mariñeira e encontro de embarcacións tradicionais, ademais dos concertos de La Ocaband, Broken Peach, The Rapants, Soraya, Bombai e Remember Queen


Catro días de festa en Combarro, desde mañá xoves ata o domingo, para render homenaxe á cultura mariñeira. O Concello de Poio inaugura mañá, ás 12.00 horas, unha nova edición dunha celebración que recuperou na edición pasada a súa esencia mariñeira e que, este ano, volven poñer en valor cunha programación que lle dá protagonismo absoluto ao mar, con propostas destinadas para todas as idades e todos os públicos, que inclúen gastronomía, tradición, cultura e música.



A programación estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa. O gastronómico, coa degustación de produtos do mar nas foodtrucks Galicia sabe Amar, da Consellería do Mar, e con actuacións musicais durante a sesión vermú o sábado e domingo, con Raúl&Cía e Sobre todo ella, “e todas as persoas que decidan quedarse a comer poderán facelo nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai nesta parroquia, onde poden consumir produtos do mar da máxima calidade.

O segundo centrarase na carpa museo, con varias exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por particulares das súas coleccións persoais, fotografías antigas recompiladas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo relacionadas co sector conserveiro e coa arte do mar, así como a Exposición ‘Mareas de Vida’, cedida por Fumpromar, e que pon en valor o traballo das mariscadoras de Poio.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, que contará coa participación de preto de cincuenta participantes.



Para o público infantil tamén se inclúen propostas todos os días ás 19.30 horas. Así, poderán gozar do espectáculo “Pomper, a festa das pompas”, o venres, da música de “María Faltri Picadiscos” o sábado e do “Cirkompacto” de Hell Brothers o domingo.

Certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Adelaida, Chispa do Lérez, Vento Mareiro, Orfeón e Vides Novas.

Con respecto aos concertos, o xoves 22 inclúese o musical “Camiñantes e Cantantes” de La Ocaband, coas actuacións de Pili Pampín, Lucía Pérez e Pepo Suevos, ás 21.00 horas e, a partir das 23.00 horas, a actuación de Broken Peach, un grupo que leva anos triunfando nos escenarios e que hai unhas semanas presentaban “Welcome to the Brokenlands”, o seu primeiro disco con cancións orixinais.

O venres 23, ás 23.00 horas, The Rapants, porá a música en Combarro, unha banda galega que navega entre o indie, o pop e o garage.

A Gala da Festa do Mar será o sábado, coas actuacións de Bombai, DJ Michi e Soraya Arnelas. Comezarán Bombai e DJ Michi ás 22.30 horas e, tras os fogos de artificio, continuará Soraya ás 00.30 horas. Bombai é un grupo valenciano con singles coñecidos como “Solo si es contigo”, “Imparables”, “Superhéroes” ou “Tú me has cambiado”. Soraya Arnelas é unha cantante e compositora española que se deu a coñecer no ano 2005 no programa Operación Triunfo, desde entón conta con éxitos musicais como “Dreamer”, “Feeling You”, “Con Fuego” ou “Universe in me”. “Earthquake” é o novo single.

Por último, o domingo ás 23.00 horas, será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo que no seu tour europeo fai parada en Poio. Unha homenaxe a Queen, á súa música e á figura do seu líder, Freddie Mercury, que desde o ano 2011 foi vista por máis de tres millóns de espectadores.

Está pasando!