Clarissa Conelly en Sinsal – Sesións San Simón | © elmembrillo

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición

3 Decembro 2024

  • A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
  • As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera

Lapili en Sinsal – Sesións San Simón | © elmembrillo

O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento.

Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.

Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente.


Maestro Espada en Sinsal – Sesións San Simón | © elmembrillo

O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela ‘La leyenda del beso’, do ponteareán Reveriano Soutullo,que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea- participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 en sinsalaudio.es.

Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.

Está pasando!