Presentación do II Ciclo de Butaca BMP | Concello de Pontevedra

O II Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra bota andar este sábado 22 ás 20h. no Teatro Principal

20 Febreiro 2025

  • O Teatro Principal será o principal escenario da programación que achegará 5 propostas variadas entre os meses de febreiro e maio.
  • A Banda de Música de Pontevedra achegará ao público pontevedrés con entrada libre ata completar cabida diferentes xéneros como a ópera, a música procesional, música de bandas, etc. baixo a dirección de Rafael Agulló Albors.
  • En colaboración co Salón do Libro, terá lugar o 16 de marzo o concerto ‘Contos de película’ que contará co director convidado Pedro Villarroel.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado do presidente da Banda de Música de Pontevedra, Víctor Manuel López e o subdirector da mesma, Nicolás Leiro o II Ciclo de Butaca da BMP, que contará como director titular con Rafael Agulló Albors.

Demetrio salientou na súa intervención “como digo moitas veces, a programación cultural de Pontevedra sería imposible facela en ninguna outra cidade. Esta cidade ten un tecido cultural, asociativo, unha dinámica e unas gañas de facer cousas, de que a cidade funcione e sexa atractiva, que é difícil de atopar en moitas outras ciudades, xa non só de Galicia senón fóra das nosas fronteiras.

Un exemplo absolutamente representativo disto e de altísima calidade é a Banda de Música de Pontevedra que é quen de desenvolver ao longo do ano un programa que achega a música das bandas e máis culta a todos os espectadores da cidade. Por iso para o Concello de Pontevedra, é un orgullo colaborar coa BMP para que ser poidan desenvolver este tipo de programacións.

Serán 5 actuacións entre o sábado 22 de febreiro e o 31 de maio no Teatro Principal e outros espazos, sempre con entrada de balde porque o obxectivo é que todas as pontevedresas e pontevedreses poidan disfrutar de música de moitísima calidade feita en Pontevedra”.



Víctor López, quixo antes de debullar o programa, agradecer a Demetrio o apoio prestado. “Arrancamos o ano a ritmo de marcha, unha antoloxía dunha das formas musicais máis importantes de todos os tempos e poderemos escoitar entre outras, marchas da ópera ‘Aída’ de Verdi, a ‘Marcha Eslava’ de Tchaikovsky, ou a marcha da suite de variedades de Shostakovich. Será este sábado ás 20h, no Teatro Principal.

Continuaremos cun programa insertado dentro da programación do Salón do Libro, titulado ‘Contos de película’. Como este ano o Salón vai dedicado ao cine, pensamos en facer un concerto para toda a familia, onde escoitaremos bandas sonoras orixinais, de diferentes películas de animación baseadas en contos como ‘A Sereiña’, ‘A bela e a besta’ ou Harry Potter. Este concertó contará cun director convidado: Pedro Villarroel e será o domingo 16 de marzo no Teatro Principal.

O seguinte programa, titulámolo ‘Música procesional’. Faremos un percorrido polas marchas procesionais de todos os tempos, desde as clásicas de Ricardo Dourado ou Mariano San Miguel ata as máis vanguardistas de Óscar Navarro ou José Vélez entre outros. Será o domingo 30 de marzo ás 17h. na Igrexa de San Francisco.

Continuaremos con ‘Folklores en clave de banda’, un concerto no que escoitaremos os grandes compositores de música de banda dos últimos anos como Franco Cesarini, Van der Rost, etc. Todas as pezas collen a inspiración de iferentes folklores do noso planeta. Terá lugar o sábado 26 de abril ás 20h. no Teatro Principal.

Para rematar este ciclo de 5 concertos, farémolo cun concerto sinfónico, no que escoitaremos algún dos momentos máis fermosos da lírica de autores como Kórsakov, Bizet, Puccini, etc. Será o sábado 31 de maio ás 20h. no Teatro Principal”.

Está pasando!