Presentación da programacion de Nadal 2023 | © Concello de Pontevedra

O programa de Nadal de Pontevedra inclúe unha pista de xeo, un bosque de Nadal, o mercado da Ferraría e actividades en barrios e parroquias

24 Novembro 2023

  • O Mercado de Abastos acollerá unha gran festa de final de ano para nenos ademais de catas, concertos e obradoiros.
  • Merca na rúa é unha programación para fomentar as compras en toda a cidade, dende o Burgo até Rosalía de Castro, ou dende Monte Porreiro até Virxe do Camiño.
  • O alcalde presentou esta mañá a programación de Nadal que vai do 5 de decembro co acendido das luces o 6 de xaneiro. Dixo que se trata dunha programación “renovada, diferente e coordinada na que queremos que se implique a cidadanía”.


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá a programación de Nadal de Pontevedra que comezará o 5 de decembro e rematará o 6 de xaneiro. Acompañado da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías e do concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, explicou que “lle demos unha volta importante e estamos moi ilusionados con facer a mellor programación posible. E estamos listos para recibir a Papá Noel, o Apalpador e aos Reis Magos, e aos seus respectivos paxes e axudantes”.

“É unha programación renovada, diferente e coordinada que na queremos que se implique toda a cidadanía. E nela hai unha idea fundamental: queremos pedirlle ao Apalpador, aos Reis e a Papá Noel e aos seus axudantes que merquen todos os agasallos no comercio local”, explica Lores.

Neste novo tempo de Nadal, o alcalde destacou o parque temático do Bosque de Nadal que estará entre a praza do Concello e a Alameda, “onde por primeira vez vai a haber unha pista de xeo ao aire libre”, comentou. Tamén haberá tirolina, tobogán e unha carpa con xogos montesori para nenos e nenas.

“Na Ferraría unificamos o mercado de Nadal. Haberá un gran mercado de 26 casetas, en colaboración con Zona Monumental”, explicou o alcalde. E no Mercado de Abastos instalarase un mercado creativo con concertos, obradoiros, catas “e o máis novidoso é unha gran festa de final de ano para nenos e nenas (pola mañá)”, informou Fernández Lores.

Manteranse os hinchábeis no Recinto Feiral para esquivar o mal tempo, e moitas máis actividades nas rúas da cidade cunha programación baixo o nome de Merca na rúa. Farase en todos os barrios onde haxa comercio local, dende A Parda, a Monte Porreiro, O Burgo, Cruz Vermella, Frei Xoán de Navarrete, Galerías da Oliva… “E ao mesmo tempo farase unha programación infantil en todos os locais sociais de barrios e parroquias”, concluía o alcalde. Nos barrios da Parda e San Antoniño, as crianzas terán obradoiros para decorar con motivos de Nadal os seus barrios.

O alcalde agradeceu a colaboración das asociacións do comercio da cidade como A Parda, de Zona Monumental ou de Aempe. Son máis de 50 as empresas que participan na organización desta programación e arredor de 2.000 persoas. Finalmente o alcalde agradeceu ao coro do IES A Xunqueira que o vindeiro día 5 de decembro acompañará a gran cita de acendido da iluminación de Nadal na praza do Concello.

“Queremos que se perciba un novo tempo de Nadal en Pontevedra. Imos celebralo ao grande, sobre todo contando cos veciños e veciñas”, indicaba o alcalde, quen recordou que se van distribuír 27.000 programas. “Creemos, humildemente, que estamos dándolle unha volta á programación da Nadal porque creemos que vai ser un Nadal diferente e agardamos que sexa un éxito. Ten unha idea fundamental que é que repercuta na actividade económica do comercio local de Pontevedra que tamén está participando activamente nesta programación”, concluíu Fernández Lores.

Está pasando!