O Rosal prepara para este verán novas visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón

17 Xuño 2022

  • Serán catro rutas de balde ás 19.00 h para as que será imprescindible inscrición previa. Por outra banda, a oficina de información turística estará aberta xullo e agosto no edificio do Museo do Cabaqueiro

O Rosal prepárase para un verán de turismo e lecer para gozar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. O Concello porá en marcha de novo este ano visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, unha ruta cada 15 días “que levará a todas e todos os participantes por máis de tres quilómetros de camiños nos que a paisaxe natural e o patrimonio conviven nun equilibrio harmonioso. E ao ir acompañadas e acompañados por unha guía experta poderán coñecer ademais as historias e curiosidades deste recuncho de gran valor para o noso concello”, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As visitas levaranse a cabo os venres 15 e 29 de xullo e 12 e 26 de agosto ás 19.00 horas e terán unha duración aproximada de dúas horas. O punto de encontro para o inicio das rutas será a área de recepción dos muíños do Folón.

Trátase de rutas homologadas para grupos de un máximo de 20 persoas por día cunha dificultade media, xa que ten un tramo de ascenso con chanzos non apto para todos os públicos. Recoméndase ás persoas asistentes que acudan con calzado cómodo e apropiado.

Para poder participar en calquera das visitas será necesaria inscrición previa na oficina de información turística ou enviando un correo electrónico a visitasguiadas@orosal.gal indicando:

Asunto: VISITA GUIADA DÍA XXXX (indicar a data desexada)

  • Nome e apelidos de todas as persoas asistentes
  • DNI de todas as persoas asistentes
  • Teléfono de contacto

En caso de ter feito a reserva de praza e non poder asistir deberase avisar a través do mesmo correo electrónico ou na oficina de información turística.

O Concello abrirá este verán esta oficina na rúa Ramón Franco, 2, no edificio do Museo do Cabaqueiro. Manterá as súas portas abertas durante os meses de xullo e agosto de mércores a domingo de 11.00 a 15.00 horas.


Está pasando!