Presentación da 12ª edición dos Cantos de Taberna | Concello de Pontevedra

Os Cantos de Taberna regresan este venres 31 a Pontevedra, no barrio do Burgo, da man de Maravallada

30 Xaneiro 2025

  • Os locais Breogán e Balixas recibirán este venres a partir das 21h. a primeira das citas, que terán lugar o último venres de cada mes ata maio inclusive.
  • O Moderno, O Noso bar e O Forno, súmanse á iniciativa, que ten unha alta demanda por parte dos locais de hostalería da cidade.
  • Nesta 12ª edición, AC Maravallada contará por primeira vez con Sons da Pedreira e Sons das Corbaceiras, dous grupos que xermolaron na cidade nos últimos anos.
  • As agrupacións do Morrazo Vento Mareiro Forza 5 e Peis d´hos tamén participarán dos Cantos de Taberna en febreiro e marzo.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou, acompañado do presidente da AC Maravallada Manuel Espiño, a que será a 12ª edición dos Cantos de Taberna que botará a andar este venres 31 no barrio do Burgo ás 21h. no bar Breogán para continuar no Balixas ata as 24h.

Como acontece nas últimas edicións, a actividade que inicalmente tiña lugar exclusivamente no casco histórico, por mor da demanda dos hostaleiros/as chegará tamén á zona de Joaquín Costa e outros lugares da cidade.

“Voltan os Cantos de Taberna nesta edición 2025 que sabemos que está xerando moita expectación. Temos a moitos pontevedreses e pontevedresas preguntando realmente intereseados e efectivamente, xa están aquí. Como habitualmente acontece, será no último venres dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio, como sempre en horario de noite de 21h. ata 24h.

Amais de encher Pontevedra dunha actividade alegre e divertida da que todos saímos con moi boa cara, é unha colaboración moi interesante entre a AC Maravallada e algunhas empresas desta cidade, que sería imposíblel sen a colaboración dos vecinos e veciñas de Pontevedra que nos achegamos cada ano para cantar con Maravallada. Neste ano tamén vemos que hai canteira e despois de varios anos de Cantos, en Pontevedra agroman grupos novos para acompañarnos, dos que vai falar Manolo Espiño”, comentaba Demetrio.



Na súa intervención e antes de debullar o programa, Manuel Espiño afirmou que “xa van con este 12 anos de Cantos de Taberna e agardamos seguir moitos máis. Empezamos con algo de medo, a cousa foi fenomenal e podemos dicir que é un éxito rotundo na cidade. Un apoio da xente maravilloso e como dicía Demetrio tamén, facendo canteira con grupos novos que están saíndo a raíz de nós empezar con todo isto. Por outra banda, creo que somos os primeiros do país que facemos Cantos de Taberna durante tantos meses porque o normal e o típico e facelo nunha data, un día concreto. Nós estaremos do inverno ata a primavera.

Este venres 31 abrimos nós, Maravallada o programa, como vén sendo habitual. Estaremos ás 21h. no Breogán e máis tarde, ata as 24h. no Balixas.

No mes de febreiro, estaremos na NASA e O Noso Bar e virán con nós un grupo da zona de Bueu, do Morrazo, que son Vento Mareiro Forza 5. Este grupo xa estivera hai uns anos e tiñamos moitas ganas de repetir, tanto eles coma nós.

O 28 de marzo no Bogotá e A horta do cura, pola zona de Joaquín Costa e virá con nós un grupo de Cangas que se chaman Peis d´hos que xa estiveron algunha vez.

A sinalada data do 25 de abril visitaremos A adega dos avós e O Chato, bares ao lado do Centro Histórico. Estarán con nós un destes grupos novos, coomo dicía Demetrio, dos que se formaron aquí en Pontevedra hai ano e pico ou dous anos, e tiñamos moita gana de traelos e de promocionar nos Cantos de Taberna un grupo da cidade: Sons das Corbaceiras.

Imos rematar o 30 de maio no Moderno e no Forno e estará con nós outro grupo formado aquí na cidade: Sons da Pedreira.”

Espiño fixo un chamamento final á xente para “que sigan vindo aos Cantos, que habitualmente son bastante masivos pero queremos que a xente veña a cantar. Nós repartiremos as letras como cada ano para facilitar. Estamos preparando desde Maravallada o repertorio, con cantigas novas para non repetir e que axente aprenda tamén cantigas novas”.

Está pasando!