Raúl, Borjamina e Bruno, os Mozos de Arousa en ‘Reacción en Cadena’

Os Mozos de Arousa darán as badaladas de fin de ano en Vilagarcía, tomando as uvas ás 12 do mediodía

28 Novembro 2024

  • A xa tradicional Toma das Uvas ás 12 do mediodía do 31 de decembro terá este ano un compoñente especial: os coñecidos Mozos de Arousa – Borjamina, Bruno e Raúl- serán os protagonistas da conta atrás para dar a benvida a 2025
  • A proposta realizada polo alcalde, Alberto Varela, foi inmediatamente aceptada polos xoves, que acaban de terminar a súa andaina polo concurso que os deu a coñecer a todo o país: “Reacción en cadena”

Con esta decisión, o goberno local non só quere amosar o seu recoñecemento pola labor de difusión de Vilagarcía de Arousa que veñen facendo estes tres rapaces durante os últimos meses, senón tamén á súa continúa colaboración co Concello de Vilagarcía en diversas actividades e especificamente na Toma das Uvas.

Moito antes de que Borjamina, Bruno e Raúl se converteran en personaxes televisivos, xa colaboraban, xunto con outros membros da asociación Mozos de Arousa, na organización do evento, tanto no que se ve -o reparto de uvas, cava e lambetadas para os máis pequenos durante a mañá do 31 de decembro- como o que non -a preparación o día anterior de centos de bolsiñas de papel coas 12 uvas correspondentes, e toda a intendencia complementaria: vasos, botellas, etcétera-.

Este ano, a Toma das Uvas, presente na vida dos vilagarciáns dende 1998, terá varias novidades en canto ao espectáculo que o rodea, tanto na espera como despois de que soen as badaladas. O programa darase a coñecer proximamente, pero polo de pronto xa se coñece quen o conducirá: Borjamina, Bruno e Raúl, que este ano deixarán a barra das carpas para subirse ao escenario da praza de Ravella.

Está pasando!