Presentación da gala benefica de Aire de Mar | Concello de Poio

Poio acolle este domingo unha gala benéfica musical a favor da asociación Aire de Mar

11 Xuño 2026

  • Cos fondos recadados, a asociación organiza experiencias relacionadas co mar, co obxectivo de que os menores disfruten dunha xornada diferente, afastada dos tratamentos e das hospitalizacións.
  • Inclúe as actuacións de Vides Novas, Banda da ESMU e do Grupo Xuvenil de Acordeóns no local da Comunidade de Montes de San Xoán, a partir das 19.00 horas.

A solidariedade volverá ser protagonista este domingo en Poio coa celebración dunha gala benéfica a favor da asociación Aire de Mar, unha entidade que traballa para mellorar o benestar emocional de nenos e nenas con cancro e enfermidades raras a través de experiencias relacionadas co mar.

O evento terá lugar este domingo 14 de xuño, ás 19.00 horas, no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca, e contará coas actuacións de Vides Novas, a Banda da ESMU de Poio e o Grupo Xuvenil dos Acordeóns de Campelo-Poio. As persoas que desexen colaborar poderán asistir á gala realizando un donativo voluntario á entrada, adquirindo o conto infantil “As aventuras de Coralita” ou a marioneta da protagonista do conto.

O alcalde, Ángel Moldes, participou, xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e a presidenta da asociación, Conchi Estévez, na presentación dunha Gala que permitirá recadar fondos para apoiar as actividades que desenvolve Aire de Mar para menores de todos os hospitais de Galicia.

Segundo explica Conchi, Aire de Mar naceu da súa experiencia persoal, quen convive cunha enfermidade rara e decidiu transformar esa vivencia nun proxecto solidario destinado a acompañar e apoiar a outras familias que atravesan situacións similares.

A entidade utiliza o mar como ferramenta de apoio emocional e benestar, converténdoo nun espazo de ilusión, liberdade e esperanza para os pequenos pacientes. Entre as súas principais iniciativas destacan as saídas en barco, actividades recreativas vinculadas ao medio mariño e propostas especialmente deseñadas para ofrecer momentos de lecer e desconexión tanto aos menores como ás súas familias.

Ademais, a asociación desenvolve accións de sensibilización para dar visibilidade ao cancro infantil e ás enfermidades raras, promovendo actividades culturais, presentacións e eventos públicos que contribúen a incrementar o coñecemento social sobre estas realidades.

Aire de Mar tamén impulsa proxectos solidarios de recadación de fondos, como o conto infantil “As aventuras de Coralita”, cuxos beneficios permiten financiar iniciativas tan especiais como a viaxe de Nadal no Barco do Nadal pola ría de Vigo ou excursións ás Illas Cíes, experiencias que para estes nenos e nenas se converten en auténticas aventuras inesquecibles.

A asociación non presta asistencia sanitaria, senón que centra o seu labor en mellorar a calidade de vida e o benestar emocional dos menores mediante experiencias solidarias relacionadas co mar, ao tempo que promove accións de concienciación e apoio social.

Pola súa parte, Ángel Moldes destaca que a gala deste domingo representa “unha oportunidade para colaborar con esta causa e contribuír a que máis nenos e nenas con cancro e enfermidades raras poidan seguir desfrutando destas actividades que lles permiten escapar, aínda que sexa por unhas horas, da rutina dos tratamentos e descubrir novas experiencias cheas de ilusión”. Neste senso, recoñeceu que “Poio é un concello moi solidario, que promove e colabora con moitas iniciativas, polo que confía en que a resposta da cidadanía a un proxecto tan importante, sensible e necesario sexa moi positiva”.

Está pasando!