A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, traballando no proxecto Poio Sesións | © Concello de Poio

Poio Sesións, aposta do Concello para apoiar a creación musical emerxente no municipio

1 Outubro 2024

  • A través esta iniciativa ofrécese asesoramento e formación con profesionais do sector, ensaios, edición e gravación de cancións en formato MP3 e vídeo promocional e actuacións en directo
  • “Este proxecto nace para apoialos, para dárlles visibilidade, pero tamén para acompañalos, da man de profesionais, en todo este proceso, cos recursos técnicos, persoais e materiais que precisen durante o seu desenvolvemento”, sinala Natalia Sabarís

Poio Sesións é a aposta nova do Concello de Poio para apoiar a creación musical emerxente no municipio, unha iniciativa que vai permitir acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas ou solistas non profesionais.

A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, explica que en cada edición deste programa os participantes recibirán asesoramento e formación profesional para facilitar a creación musical en galego, que inclúe desde composición e revisión lingüística ata produción musical de espectáculos en directos. Ademais, tamén se organizarán ensaios en espazos municipais, así como a edición e gravación de cancións inéditas en formato MP3 e dun vídeo promocional. Por último, tamén se incorporará un evento final coas actuacións en directo para dar a coñecer o traballo realizado.

“É unha oportunidade para apoiar e dar visibilidade ao talento local mozo e, ao mesmo tempo, reivindicar o uso da nosa lingua e ofrecer propostas de ocio alternativo para a mocidade”, engade. Neste senso, indica que “son moitos os mozos e mozas de Poio con intereses musicais, persoas con grande talento que, na maior parte das ocasións, non teñen nada sinxelo darse a coñecer ou amosar as súas creacións en público”. Por iso, di que “este proxecto nace para apoialos, para dárlles visibilidade, pero tamén para acompañalos, da man de profesionais, en todo este proceso, cos recursos técnicos, persoais e materiais que precisen durante o seu desenvolvemento”.

A primeira edición de Poio Sesións desenvolverase no último trimestre do ano e incluiranse diferentes xéneros musicais, desde o pop, rock, rap… Nas próximas semanas daranse a coñecer as bandas locais seleccionadas en colaboración coas entidades culturais do municipio.

Está pasando!