Ponteatro programa no Teatro Principal de Pontevedra 4 espectáculos entre o 19 de outubro e o 16 de novembro

3 Outubro 2023

  • As compañías Lazona Films, Sarabela Teatro, Diego Anido e Amorodio Teatro serán as responsables das pezas teatrais das que o púbico poderá gozar os xoves as 21:00 horas
  • As entradas a un prezo estándar de 8 euros e reducido de 4 euros (estudantes, desempregados e maiores de 65 anos) e abonos a un prezo de 25 euros están xa á venda en Ataquilla.com


O edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá unha nova entrega do ciclo de artes escénicas Ponteatro, que entre o 19 de outubro e o 16 de novembro achegará 4 espectáculos dunha alta calidade e variedade” ao Teatro Principal de Pontevedra.

As entradas a un prezo estándar de 8 euros e reducido de 4 euros (para estudantes, desempregados e maiores de 65 anos) e abonos a un prezo de 25 euros están xa á venda en Ataquilla.com


‘María Luisa’ de Lazona Films | Javier Naval Photo&Design

Xoves 19 de outubro ás 21.00 h – ‘MARÍA LUISA’ – Lazona Films

María Luisa é unha muller entrada en anos que vive soa, independente e que goza da vida. Unha conversa casual co porteiro da casa é o detonante para unha sucesión de escenas que, con moito humor e un ton entrañable, permítennos descubrir de preto o mundo desta curiosa señora.

Con esta obra recentemente escrita, Juan Mayorga debuta na Abadía tras asumir a dirección artística desta casa.

Unha comedia sobre a soidade, sobre a vellez, e sobre os difusos límites entre a realidade e a imaxinación.


‘Arraianos’ de Sarabela Teatro | © Sarabela Teatro

Xoves 26 de outubro ás 21.00 h – ‘ARRAIANOS’ – Sarabela Teatro

Na fronteira, liña invisible entre a Galiza interior e o norte de Portugal; de brétema, chuvia, neve onde se funden a realidade e a ficción; a vida e a morte. Entre o misterio e os impulsos da terra. Entre o ser humano e as forzas da natureza. Entre o poético e o mítico, alén da xeografía. No límite da fantasía.

A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non só físicos, están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos.

En ‘Arraianos’, Ferrín crea un novo mundo mítico, a Raia, con 10 relatos literarios dos que nós eliximos e transformamos en escénicos dous: Medias azui e Lobosandaus

Arraianos é unha suma de relatos excelentes que estremecen e fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria, a conciencia, e a grandeza de alma e de vida. Historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo.

Temas inquietantes, extraordinarios e fermosos. Universos ateigados de cadencia, fondura e emoción. Dunha beleza inmensa e ao tempo terrible e evocadora, Ferrín consegue reconciliarnos coa maxia da súa delirante maneira de describir o mundo.


‘O Deus do Pop’ de Diego Anido | Cedida

Xoves 9 de novembro ás 21.00 h – ‘O DEUS DO POP’ – Diego Anido

Tras 25 anos de creación contemporánea Diego Anido presenta unha autobiografía de carácter fantástico a medio camiño entre a súa vida na Galicia dos 80 e a dunha estrela do pop americana.

Desde a tenrura e o humor absurdo reflexiona sobre como cada persoa creamos un relato para conformar a nosa identidade coas nosas vivencias pasadas e desexos futuros.


‘A Nai’ de Amorodio Teatro | © Amorodio Teatro

Xoves 16 de novembro ás 21.00 h – ‘A NAI’ – Amorodio Teatro

Anos 40. Tres irmás. Unha ruta de escape. Unha historia que merece ser contada.

‘A Nai’ é un espectáculo teatral multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor.

O espectáculo explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.

Está pasando!