Presentación da programación complementaria dos Premios Feroz | © Concello de Pontevedra

Pontevedra prepárase para un mes de novembro moi Feroz

29 Outubro 2024

O outono pontevedrés continúa da man das actividades complementarias á gala do 25 de xaneiro, a través de mesas redondas, proxeccións de filmes, clases maxistrais e até un concerto da banda de música municipal


Ao mesmo tempo que a gala dos Premios Feroz está máis preto, a programación complementaria a este evento continúa o seu curso como unha carta de amor ao cinema e unha aposta clara pola cultura de base e aberta á cidadanía. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, fixo público o conxunto de actividades en relación cos Premios Feroz que se poderán gozar neste vindeiro mes de novembro.

O rexedor da Boa Vila destacou desta programación previa a súa calidade e a súa diversidade, ao incluír mesas redondas e de debate, proxeccións de filmes con posteriores palestras desde unha perspectiva e análise feminista, clases maxistrais e mesmo un concerto da banda de música municipal centrado en bandas sonoras.

Porén, antes de afondar nas actividades que están por vir, Lores quixo subliñar o enorme éxito que tivo a primeira quenda de propostas durante o mes de outubro, cunha serie de proxeccións que captaron a atención da cidade e a súa xente, enchendo o salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación cada semana. «Foi un éxito total. Foi coma un tiro», recoñeceu o alcalde. «As películas proxectadas esgotaron entradas grazas a unha asistencia masiva en cada unha delas, deixando encantados aos seus directoras. A realidade é que son películas complexas en boa medida, son atrevidas, e aínda así espertaron un enorme interese. A previsión é que Teresa, de Paula Ortiz, a derradeira proxección deste mes, tamén encha».

O rexedor explicou que este novembro ademais de ter novas proxeccións, o programa amplíase en variedade a través de conferencias e clases maxistrais, e mesmo presentacións de investigacións universitarias. Ademais, Lores quixo adiantar en exclusiva que a presentación dos nomeamentos para a gala do vindeiro ano acontecerá en Pontevedra, nun acto público que se celebrará o 28 de novembro.

A edil Anabel Gulías repasou polo miúdo a listaxe de actividades, que é a seguinte:

  • 6 de novembro, 12:00 horas – MESA DE DEBATE “MULLERES QUE CONTAN” na Facultade de CC. da Comunicación, con Sonia Méndez, directora de ‘As Neves’ e socia de Cósmica; Chelo Loureiro, produtora en Abano Producións; Sara Horta, produtora en Indígena Films. Modera: Uxía Caride, xerente de AGAPI.
  • Proxeccións de cinema – Ciclo Perspectiva Feminista. Este ciclo consiste en analizar títulos míticos da historia do cinema español desde unha perspectiva feminista: roles dos personaxes femininos, historias, aspectos formais… Trátase de poñer sobre a mesa como as películas tamén contribuíron a construír o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal, independentemente da súa calidade cinematográfica. As sesións expóñense desde o debate xerado pola relatora ao remate das películas.
    • Sempre con entrada de balde, ás 18:30 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Os filmes escollidos son ‘Lucía y el sexo’ (6 de novembro), ‘Cría Cuervos’ (8 de novembro), ‘Jamón Jamón’ (15 de novembro) e ‘Amanece, que no es poco’ (21 de novembro)
  • 8 de novembro, 12:00 horas – Presentación informe “INVESTIGACIÓN: AS CREADORAS NO AUDIOVISUAL” na Facultade de Ciencias da Comunicación – Intervén: Jéssica Izquierdo, Profesora Titular da Universitat Jaume I.
  • Clases maxistrais – con Alberto Vázquez (o 19 de novembro), na Facultade de Belas Artes, ás 19:30 horas) e Bina Daigeler (o 20 de novembro, con espazo por confirmar).

Na web oficial do Concello de Pontevedra é posíbel consultar máis información. Cómpre sinalar que as entradas para as diferentes actividades (aquelas que o precisen) poden ser retiradas na Oficina de Turismo do Concello de Pontevedra situada na Praza de España.


Está pasando!