Pregón, ofrenda floral, Guadi Galego e La Duendeneta inauguran os doce días das Festas de San Roque 2024

13 Agosto 2024

  • Vilagarcía dá o pistoletazo de saída hoxe, 14 de agosto, a once días de festa na honra de San Roque
  • Como manda a tradición, os festexos abriranse coa lectura do pregón, que este ano recae no xornalista e escritor Alberto Avendaño, e coa conseguinte ofrenda floral ao Santo patrón da cidade
  • Ademais, a música soará xa dende este primeiro día co concerto de Guadi Galego na Xunqueira e unha sesión musical a cargo da discoteca móbil La Duendeneta na Alameda

Alberto Avendaño sairá ao balcón da Casa Consistorial de Ravella hoxe ás 20.30 horas para pregoar as festas patronais de Vilagarcía e dalas por inauguradas. O xornalista, afincado en Vilagarcía despois de vivir varios anos en Estados Unidos, traballou neste país como xornalista do The Washington Post e foi director da edición española deste prestixioso xornal.

Tamén é membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española e a súa extensa traxectoria profesional inclúe varias corresponsalías en capitais europeas para medios de comunicación españois e unha prolífica obra como escritor e tradutor.



Ao remate do acto, a comitiva, acompañada pola Banda de Música de Vilagarcía, desfilará polas rúas da cidade para dirixirse ata a Praza de España onde ás 21.00 horas dará comezo a ofrenda floral ao Santo patrón.

No adro da igrexa de Santa Baia, un total de 22 colectivos e asociacións da cidade renderán homenaxe a San Roque levándolle coloridos ramos de flores. Son: Asociación Escuadra Arlequinada, As Cantareiras Bulideiras, Escola de Danza Begoña Fontán, Coral Santa Eulalia, Zona Aberta, Coral Rosalía de Castro, Arosa S.C., Mar de Arousa, Os Ingleses R.C., Lumarada de Cornazo, C.B. Vilagarcía, Coral San Pedro de Cornazo, Atlético Arousana, A.C. Nós de Sobradelo, Coral Voces Amigas, O Noso Lar, Brisa do Río-Catoira, Arousa Moza, Protección Civil Vilagarcía, Asociación Protectora de Animais e a Banda de Música de Vilagarcía.



O primeiro dos concertos gratuítos na Xunqueira comezará ás 22.30 horas e correrá da man de Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, en Berrogüeto, como vocalista, pianista e gaiteira, e, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como “Chea de vida” ou “Matriarcas”), O Mundo está Parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Este outono lanzou o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois O.D.A non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.

O concerto de Guadi Galego é unha actividade organizada a través do no programa +Música da Deputación de Pontevedra.



E para os que gusten das sesións máis puramente discotequeiras, La Duendeneta regresa ao espazo na que se estreou hai 12 anos, a Alameda de Vilagarcía, para agasallar ao seu público cunha “pinchada” a cargo de Carlos Crespo e Kris K DJ. Unha selección dos temas máis famosos do pop e do rock das últimas décadas, ata os temas de máis actualidade.

Está pasando!